Os muíños do parque da Baña e Negreira medirán "máis de tres Torres de Hércules"

Un parque eólico en Paradela (Imaxe: Europa Press)

Veciñanza da Baña mobilízase contra o parque eólico proxectado en Troitomil e impulsado por Green Capital Power. Os aeroxeradores, denuncia a veciñanza, medirán "tres Torres e media de Hércules".

Veciñas e veciños da Baña tratan de recoller o máximo número de alegacións contra o parque proxectado na aldea de Troitomil, unha campaña que se atopa nos seus últimos días e que reuniu varios centos de apoios. O prazo de presentación de recursos conclúe o 7 de abril.

Todos os partidos políticos expresaron o seu apoio ás demandas canalizadas a través das asociacións veciñais de Fiopáns, Cabanas, Lañas e San Mamede de Monte, que advirten dos problemas que o parque creará na biodiversidade da montaña e dos desvíos na distribución da auga e das interferencias nos sinais de telefonía ou televisión.

A Consellaría de Economía someteu a información pública a solicitude de autorización do parque de Green Capital Power, que contaría cunha potencia instalada de 30 megavatios e nos que cada muíño medirá "tres Torres e media de Hércules", advirte a veciñanza.

Impúlsao a empresa do ex xenro de Florentino Pérez

Trataríase do terceiro proxecto en solo galego desta empresa, que naceu baixo o paraugas de Capital Energy, propiedade do empresario madrileño Jesús Martín Buezas, ex xenro do empresario Florentino Pérez.

Capital Energy foi unha das empresas que denunciou o concurso eólico da Xunta da Galiza en 2010 e prevé levantar 17 parques en toda a Galiza para se facer cun total de 539 megavatios.

Para logralo constituíu en 2019 cinco novas sociedades coas que canalizará os investimentos no sector: Maragouto Energy, Banzas Wind Energy, Troitomil Energy, Alvite Energy e Turubelo Energy, con sede en Compostela. Súmanse así a Parque Eólico de Gasalla e Parque Eólico Monte Inxeiro.

[Esta información foi editada ás 13 horas debido a un erro a respecto da medida dos muíños]