Feridos de gravidade tres mozos após caer o seu turismo por unha ladeira e bater cunha ponte na AG-11

Os mozos que viaxaban no vehículo quedaran atrapados nel. (Foto: Europa Press)
Sucedeu ao fío da pasada medianoite á altura de Cespón, en Boiro.

Tres mozos, entre eles un menor, resultaron feridos de consideración tras sufrir unha saída de vía co turismo no que viaxaban, que se precipitou por unha ladeira e bateu contra unha ponte, a uns seis metros de altura, na autovía AG-11, ao seu paso polo municipio barbanzán de Boiro.

Segundo trasladaron fontes da central de emerxencias do 112-Galiza, o accidente ocorreu a última hora deste sábado, contra as 23.50 horas da noite. Nese momento, un particular alertaba os servizos de emerxencias dunha saída de vía na autovía do Barbanza, a AG-11, á altura do quilómetro 21, perto de Cespón, en dirección Boiro.

Case ao mesmo tempo, os servizos sanitarios daban aviso dos feitos aos xestores de emerxencias, indicando que un coche batera contra a mediana da autovía e que se precipitara pola ponte. Tamén un dos implicados puido contactar co 112 e, malia que non sabía explicar o que sucedera, aseguraba que as tres persoas que viaxaban no vehículo estaban feridas e atrapadas.

Unha vez iniciado o operativo de emerxencias, desprazáronse até o lugar os servizos sanitarios con tres ambulancias, así como persoal do centro de saúde de Boiro, os Bombeiros de Ribeira, a Garda Civil de Tráfico e os efectivos do Servizo Municipal de Protección Civil de Boiro.

Cando liberaron os feridos, o persoal sanitario confirmou o traslado dos tres, dous homes e unha moza, ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. Tal e como informou o 061, os feridos son unha muller de 18 anos -con iniciais C.P.B.-, un mozo de 24 anos -con iniciais D.R.T.- e un menor.

Aliás, as mesmas fontes precisaron que foi necesario o corte dun carril da AG-11 mentres os servizos de emerxencias desprazados até o lugar traballaban na evacuación das vítimas.