O mozo que rebentou unha acción feminista ao berro de “A casa, a facer a cea”, das xuventudes do PP

Novas Xeracións, aorganización xuvenil ligada ao PP, sinala que cometeu "un acto inaceptábel" e remarca que el propio presentou a súa baixa.

O mozo que rebentou na pasada xornada en Santiago a performance feminista 'Un violador no teu camiño' ao berro de "agora a casa, que hai que facer a cea!" estaba ligado a Novas Xeracións de Santiago, organización que condenou a súa actuación e informou de que esta terza feira "presentou a súa baixa automática".

Fontes populares trasladaron a Europa Press que, após ter coñecemento do feito, actuouse e falouse co mozo, que xa non pertence a Novas Xeracións de Santiago. "Admitiu que se equivocou e que tiña que irse", indicaron.

A acción feminista 'Un violador no teu camiño', que empezou nas rúas de Chile, estendeuse polos distintos países e, no marco das actuacións que teñen lugar na Galiza, na noite desta segunda feira había unha convocatoria na compostelá Praza do Obradoiro para representar esta performance.

Secundada por decenas de mulleres, a performance tentou ser rebentada por un mozo que centrou o protagonismo cun exabrupto. "Agora a casa, que hai que facer a cea!", berrou, provocando unha reacción de indignación entre as persoas presentes na praza.

"Que pensa o PP de Galicia de que militantes seus se dediquen a boicotear performances feministas contra as violencias machistas? Fíxoo hoxe en Compostela. Esiximos respostas. Ou coa igualdade ou co machismo, hai que situarse", retou no seu perfil de Twitter a deputada Luca Chao (de Grupo Común da Esquerda).