Un mozo de orixe marroquí denuncia os porteiros dun local da Coruña por agresión xenófoba

Exterior de 'Los Cantones Village', na Coruña, onde se produciron os feitos denunciados. (Foto: Google)
"Golpeáronme de maneira contundente e incesante, especialmente na cara", sostén o denunciante no texto remitido aos xulgados, no que tamén apunta a varios insultos de carácter racista.

Un mozo de nacionalidade marroquí denunciou sufrir unha suposta "brutal agresión xenófoba" na madrugada do pasado domingo día 2, na zona do porto de lecer da Coruña. A denuncia, á que tivo acceso a axencia Europa Press, foi presentada no Xulgado de Instrución número 1 da cidade herculina o pasado 4 de xullo e recolle que os feitos ocorreron entre as 3.30 e as 4 horas do día 2.

No documento, o denunciante explica que foi golpeado "de maneira contundente e incesante, especialmente na cara" polos porteiros do estabelecemento entre diversos insultos e alusións á súa procedencia de Marrocos, no que constituiría, segundo o seu relato diante da Xustiza, un delito de odio.

Como consecuencia da agresión, engade o escrito, o home foi trasladado ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac), onde foi intervido polo persoal sanitario "por ter o tabique nasal afundido", entre outras lesións que presentaba.

Na mesma liña, fontes da Policía Nacional confirmaron ter constancia de que ás 3.50 horas da madrugada do pasado domingo día 2 houbera un incidente no exterior de Los Cantones Village, onde se produciron os feitos, entre os porteiros dun pub e outra persoa que sufriu unha agresión debido á cal tivo que ser trasladada ao Chuac, o denunciante.