Xustiza

O mozo que causou un accidente mortal na A-52 denunciará o Ministerio polo estado da vía: "Foi a principal causa"

Estado en que quedaron os vehículos após o accidente na A-52 á altura de Salvaterra de Miño. (Foto: Garda Civil)
"A Administración tiña coñecemento de que aí pasaba algo. Había moitos accidentes antes e non fixo nada. Por mor do sinistro mortal abriron os ollos. Se estivesen as barreiras de formigón, os feitos non terían o mesmo desenlace", asegura a súa defensa.

A defensa do condutor que se saltou a mediana na A-52 o pasado 7 de xaneiro e que chocou con outro turismo, causando a morte a un avogado vigués de 41 anos e deixando feridas a súa muller e a súa filla de 13 meses, informou de que iniciará un procedemento penal contra o responsábel da vía no Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana debido ao mal estado da estrada. En declaracións á axencia Europa Press, a defensa do mozo, levada a cabo polo despacho HTO Avogados, explicou que nas dilixencias do caso, no cal se investiga o mozo como presunto autor dun delito de homicidio por imprudencia, o xulgado solicitou á Garda Civil un estudo sobre os sinistros rexistrados nese punto quilométrico nos últimos anos.

Así, nese informe recóllese que nos tres anos anteriores se produciron no mesmo lugar até 17 incidentes, todos eles saídas de vía que, segundo defenden os avogados, foron debidas na súa maioría por un exceso de auga na vía, como lle ocorrería ao mozo de Ponteareas, que na mañá daquel 7 de xaneiro se dirixía a adestrar co equipo no que xogaba.

A defensa indicou que en primeiro lugar tratará de comparecer como acusación no procedemento principal da causa, así como iniciar un procedemento penal contra os responsábeis do Ministerio e, se se arquiva esta petición, tamén levará a cabo unha acción de responsabilidade patrimonial polo estado do asfalto. Os avogados reivindicaron que, tras o accidente mortal, instaláronse ao día seguinte medianeiras de formigón, xa que no momento do suceso os carrís estaban separados por unhas estruturas de plástico temporais despois de que un accidente previo fendese a medianeira anterior.

Neste sentido, subliñaron que de instalarse esta medianeira antes, o coche non cruzaría a vía e acabaría nos carrís de dirección contraria. "A principal causa do sinistro foi o estado da vía", insistiron. Respecto diso, lembraron que este pasado mes de xuño o Goberno español recoñeceu que había que actuar de forma urxente no punto da A-52 onde se produciu o sinistro por un problema de drenaxe da plataforma do firme.

"A Administración tiña coñecemento de que aí pasaba algo. Había moitos accidentes antes e non fixo nada. Por mor do sinistro mortal abriron os ollos. Se estivesen as barreiras de formigón, os feitos non terían o mesmo desenlace", asegurou a defensa deste home, ao cal se lle tivo que amputar unha perna polas feridas que lle causou o accidente.

Probas de drogas

En relación a se o seu cliente conducía ou non baixo os efectos das drogas, tras detectarse en sangue restos de THC (cánnabis) e Ketamina, os avogados subliñaron que o mozo non consumira estas substancias nas horas previas ao accidente.

Segundo defenden, a ketamina foi fornecida polos propios sanitarios do 061 Galiza, xa que é un tratamento habitual para a dor en caso de accidentes como este. En canto ao cánnabis, lembraron que se trata dunha droga detectábel en sangue até cinco ou sete días despois de consumila, pero isto non supón que fose baixo os efectos da mesma, xa que o home se dirixía esa mañá para adestrar e non fumara nas horas anteriores.

A defensa insistiu en que o condutor circulaba a 109 quilómetros por hora nunha vía que está limitada a 120 km/h, pondo o foco en que foi o estado da vía e a auga acumulada na mesma o motivo do accidente.

Todo iso despois de que o pasado 7 de xaneiro un avogado vigués, de 41 anos de idade, falecese cando o seu coche impactou contra outro vehículo que atravesara a mediana da A-52 ao seu paso por Salvaterra de Miño.