Mozas denuncian “acoso” de gardas de seguridade nun centro comercial por levar ‘estreleiras’

Afirman que un dos vixiantes agarrou do brazo a unha delas e outro díxolles que esa bandeira “incita atentados”. “Estabamos no centro comercial non porque fosemos protestar ou provocar, iamos comer despois dunha manifestación”.

M.P é unha moza que se achegou canda unhas amigas até o Centro comercial As Cancelas, en Santiago de Compostela, para comer algo despois de participar nunha manifestación convocada na xornada de greve no ensino secundario e universitario. “Ao acabar de comer levanteime e nese momento caeume a bandeira de Galiza coa estrela ao chan, recollina e púxenma no pescozo mentres arrombaba a chaqueta”, relata esta moza. “Non andara tres pasos cando se me achegou” un vixiante, prosegue, “agarroume por un brazo e díxome que sacase a bandeira, que non podía andar con ela por alí”.

M.P preguntou ao garda os motivos de por que tiña que gardala “se non é unha bandeira ilegal” ao tempo que explicaba que non foran ao centro comercial “causar ningún problema”. Mais a actitude do garda, afirma, foi en todo momento “bruta e groseira”. “A miña amiga levaba unha pancarta dobrada e tamén lle dixo que non a podía levar”.

Pasados uns momentos, outra amiga desta moza – que se atopaba fóra fumando- entrou nas instalacións, tamén cunha ‘estreleira’ baixo o brazo. Sempre en base ao relato de M.P, o garda dirixiuse entón a esa amiga (“pensas estar todo o día con iso por aquí?”) “e tentou obrigala a que gardase a bandeira”.  O grupo de mozas insistiu en que non tiñan por que gardala e foi entón cando se achegou outro vixiante. Este garda, afirman, tería recoñecido que non lles podían quitar as bandeiras nin tampouco obrigarlles a gardalas mais que elas tiñan que entender que “esas bandeiras incitan atentados". "Aos dous pouco lles faltou para botarnos fóra”.

Afirman que elas finalmente abandonaron o centro comercial porque non querían perder o autobús mais que pensan poñer o seu malestar en coñecemento do propio centro comercial tanto polo fondo do acontecido como polas formas. “Había alí rapaces con camisolas coa bandeira de Estados Unidos e non lles dixeron nada, paréceme ben, mais a nós tampouco nos tiñan porque tratar así”, conclúe M.B.