Movemento verde como alternativa a un futuro negro

Organizacións ecoloxistas e de consumo responsábel conciencian contra o 'Black Friday'. Eis un estrato da peza publicada no número 372 do semanario en papel Sermos Galiza 374.

A consigna é ben coñecida: «Non hai planeta B». «E se a raza humana ten que buscar un e deixar aquí un penouco como Marte, será que non merece ningún planeta B». A reflexión, que debería sacar as cores a fantasías colonizadoras como as do magnate Elon Musk, faina Pablo Guillán, membro do colectivo Fridays for Future de Vigo e un dos activistas que estes días traballa nas accións que a súa organización, como parte integrante do Movemento Galego polo Clima, prepara en oposición ao Black Friday que se celebra esta sexta feira.

A cita comercial é, en palabras do presidente de Adega en Vigo, Ángel Enrique López, o reflexo «dun modelo de consumismo voraz, que procura inmediatez e irracionalidade» na compra con ofertas e promocións que provocan unha necesidade ficticia de adquirir un  determinado produto. «Entra nunha lóxica capitalista de mercar para fomentar o consumo e facer medrar os mercados, mais esa lóxica está lonxe de ser social e ambientalmente sostíbel. Ese consumo acelerado ten unha gran pegada ecolóxica, tanto no referente ao propio proceso produtivo como no transporte e na xeración de residuos, e é un modelo de consumo que contribúe notabelmente ao cambio climático», abunda.

Dos efectos do modelo de consumo derivado do sistema capitalista advirte tamén Noemí Díaz Patiño, integrante do colectivo galego de moda  sustentábel Fento: «As grandes cadeas comerciais tiran do resto do comercio. Son as que poden facer máis descontos, apretar o traballador, o provedor, a toda a cadea,  para rebaixar o prezo e seguir obtendo rendibilidade». Na mesma liña, o coordinador na Galiza de Greenpeace, Manoel Santos, desmonta os supostos beneficios de accións de promoción do consumo como o Black Friday. «Crean dependencia de catro cadeas comerciais, tendas de roupa e electrodomésticos, fomentan o emprego precario e acaban co comercio local. E con isto, desfán as comunidades e desertizan os barrios». 

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 374 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]