23-X

Familias de persoas trans advirten á ultradereita: "As nosas vidas non son negociábeis"

Bandeira LGBTI no Orgullo de Compostela deste ano. (Foto: Arxina)
Arelas e outros colectivos do Estado publican un manifesto no que cargan duramente contra as "declaracións de desprezo e deshumanizantes" de Raxoi e as "ameazas" de Feixoo de derrogar a Lei trans.

A entidade galega Arelas xunto a outros colectivos representativos do movemento trans do Estado fixeron público esta cuarta feira un manifesto no que denuncian o seu malestar “polas declaracións de desprezo e deshumanizantes cara ás persoas trans do antigo presidente do Goberno español, Mariano Raxoi, e da ameaza do candidato do PP, Alberto Núñez Feixoo, de derrogar ou baleirar de contido a chamada Lei trans".

Neste sentido, consideran que “as declaracións que desprezan, deshumanizan, minimizan, banalizan ou desvalorizan as vidas das persoas trans teñen un impacto negativo no seu benestar emocional e social”.

As familias queren denunciar a "frustración e cansazo pola utilización política que se fai das persoas que máis queremos e a falta de recoñecemento da importancia das súas vidas”. Nesta perspectiva, aseguran que “as vidas das persoas trans importan e é responsabilidade de toda a sociedade, sobre todo da clase política, asegurarse de que se lles brinde xustiza, igualdade de oportunidades".

"É inaceptábel que a clase política utilice a niñes e mozas trans como cortina de fume no debate político. Como o resto da cidadanía, merecen respecto, protección e apoio e que non se lles utilice para obter réditos políticos ou avivar a controversia, tratando de polarizar á sociedade, coma se as súas vidas fosen negociábeis", prosegue o escrito.

As asociacións asinantes deste manifesto chaman as formacións políticas a dialogar co movemento trans “para crear políticas e leis que protexan e promovan os dereitos e o benestar de todas as persoas, independentemente da súa identidade”.