Movemento LGTBI galego denuncia o panfleto de Hazte Oír nos centros de ensino contra a diversidade sexual

Portada do panfleto de Hazte Oír

Advirte que vulnera a lexislación e que pode incitar ao odio c. A organización ultra-católica repartiu o material en 16.500 centos.

Hazte Oír, a organización ultra-católica que desde hai anos impulsa campañas e iniciativas contra calquer tendencia que non sexa a heterosexual, desembarca nos centros de ensino de Galiza. Faino a través de 100.000 panfletos que se distribúen por 16.500 colexios de todo o estado, folletos nos que baixo o título '¿Sabes lo que quieren enseñarle a tu hijo en el colegio?' denuncia o que denominan “leyes de adoctrinamiento sexual”. No fondo, un ataque ás leis que defenden a diversidade sexual.

Varias entidades do movemento LGTBI -lesbianas, gais, bisexuais, persoas transxénero e intersexuais - galego deron un paso adiante fronte a esta situación. Denuncian que "o texto difundido pretende crear unha alarma inxustificada entre as familias do alumnado e entre a comunidade educativa en xeral, deostando —con argumentos ideolóxicos e discriminatorios— a comunidade LGTBI, á que acusa de forma absolutamente infundada, de querer causar un grave dano ó alumnado".

Ante estes feitos, as entidades LGTBI galegas presentaron un escrito á Consellaría de Educación e á Valedora do Pobo para "expresar a nosa fonda preocupación e máximo rexeitamento ás afirmacións vertidas por Hazte Oír na súa propaganda". Así mesmo, as entidades LGTBI galegas anuncian que estudan a posibilidade de denunciar este feito "tan deleznable" ante o Ministerio Fiscal, por entender que "este panfleto vulnera varios artigos da lexislación internacional, española e galega, así como a protección xurídica do menor, incitando o dio cara o colectivo LGTBI".