O movemento LGBT mobilízase no día do Orgullo contra unha "vaga de odio"

Integrantes do colectivo Arelas, asociación de familias de menores e mocidade trans da Galiza, no Orgullo 2023 en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)
Colectivos LGBT da Galiza maniféstanse hoxe en defensa dos seus dereitos.

O movemento LGBT+ da Galiza sae hoxe á rúa para festexar os dereitos conquistados e reivindicar a necesidade dunha sociedade máis diversa. "Chegamos cansos a este Orgullo 2023", admite Xandre Garrido. En conversa con Nós Diario, o responsábel de Organización de Avante LGBT+ asegura que "cada ano estamos indo a peor e iso é bastante frustrante". Con todo, a sensación de desánimo que paira sobre o movemento queer da Galiza non paraliza os esforzos de ducias de colectivos que co mes de xuño abriron as portas do Orgullo con máis ganas fronte ás correntes  ideolóxicas e os "novos Gobernos" que ameazan os dereitos da comunidade LGBT.

"Este ano queremos amosar a nosa oposición radical aos gobernos de dereitas e a candidatos como Núñez Feixoo, quen xa avanzou que de chegar ao Goberno do Estado vai derogar toda a lexislación aprobada nos últimos anos en defensa do colectivo LGBT, o que suporía tirar por terra todos os avances e a loita que tivemos nos últimos anos". Garrido pon o foco nas agresións lgbtfóbicas, físicas, verbais e contra o patrimonio. Desde Avante advirten dunha "vaga de actos de vandalismo contra o colectivo LGBT motivados polo odio".

Delitos de odio lgbtfóbicos

Segundo recolle o informe Análise, datos e recomendacións para o recoñecemento da diversidade na Galiza que vén de presentar o Consello da Cultura Galega (CCG), a análise sobre a evolución dos delitos de odio apunta "un incremento dos delitos relacionados coa orientación sexual dun 67,63 % no ano 2021 no Estado español". O último informe dispoñíbel ofrecido polo Ministerio do Interior especifica que as agresións por causa da orientación sexual ou identidade de xénero ocupan o primeiro posto entre mozas e mozos menores de 18 anos. En 2021 a Galiza rexistrou 23 infraccións penais por este tipo de delitos de odio, das que resultaron nove detencións e 19 feitos esclarecidos.

Con todo, para o colectivo LGBT os datos máis realistas "son os do Observatorio Coruñés contra a Lgbtifobia, porque non atende só recolle só os casos que lle chegan á policía senón que dá conta tamén daqueles que ben non acaban en denuncia ben non se rexistran como delito de odio".

En 2022 o Observatorio Coruñés contra a Lgbtifobia rexistrou 68 episodios de odio, dos cales 58 son consideradas agresións directas contra a comunidade LGBT: verbais, físico-verbais, acoso e agresións sexuais.

Novas alianzas

Xandre Garrido reivindica a necesidade de recoñecer estas cifras, de facelas visíbel e de darlles unha resposta transversal que o CCG comezou a esbozar nas conclusións do seu estudo. "Ese documento é un dos maiores aportes que houbo nos últimos anos á defensa do colectivo LGTB da Galiza", porque "actualiza" a realidade das persoas LGBT "esa que as institucións pedían estudar antes de atender a defensa dos nosos dereitos".

Nesta nova xeira, Garrido defende unha nova organización do movemento LGBT. "Temos que procurar outras ferramentas de loita e tecer redes con colectivos aliados, violentados coma o noso no contexto actual, como o feminista e o antirracista".


Unha xornada para festexar e termar dos dereitos conquistados

A Galiza conmemora este 28 de xuño o día do Orgullo LGBT+. Colectivos queer das principais vilas e cidades culminan nesta data, con foliadas e manifestacións, unha programación mensual chamada a reivindicar  a diversidade sexual e de xénero en todos os espazos de convivencia. Así, após días de mesas informativas, obradoiros e accións culturais, hoxe é a quenda das marchas do Orgullo 2023. Baixo o lema 'Revoltas do pasado, celebración do presente e conquistas de futuro' A Coruña mobilizarase a partir das 19.30 horas desde a praza de Ourense até María Pita. En Lugo, a mobilización partirá da Horta do Seminario ás 20 horas. Á mesma hora arrancará a manifestación en Compostela, na praza 8 de marzo, e en Ferrol, na praza Amada García. Tamén en Ourense, A Rúa de Valdeorras e Cangas do Morrazo.