Colectivos LGBT+ convoca manifestación nacional na Coruña “contra o odio e a indiferencia”

Manifestantes en Compostela, Día do Orgullo LGBT+ (Foto: Arxina).

Este domingo, día 11, ás 19:30 horas, con saída da Praza da Palloza.

 

Diferentes colectivos e asociación convocan para este domingo, día 11, unha manifestación nacional na Coruña baixo o lema “Ante o odio e a violencia, non mostres indiferencia: xustiza para Samuel”. Será a partir das 19:30 hora, con saída dda Praza da Palloza e remate en María Pita. Entre as convocantes: Avante LGBT+, Amizando, Abrir Fenda, Casco, Coruña Antifascista, LES Coruña e Gotas. A convocatoria está aberta á incorporación e adhesión de máis colectivos.

Nun comunicado, lembran como esta segunda feira miles de persoas saíron á rúa en Galiza e o Estado para exixir ‘Xustiza para Samuel’.  “Saímos a berrar contra a LGBTIfobia asasina. A dicir que nos están a matar mentres a policía e os medios din que non ten nada que ver que o fagan ao berro de maricón. Atácannos máis e máis mentres vemos como se lexitiman os discursos de odio da extrema dereita”.

“A LGBTIfobia non só vén en grupo a dar malleiras, ás veces tamén actúa a porrazos, co uniforme e o casco posto, ou ninguneando e desprezando desde comisarías e xulgados ás vítimas de agresións LGBTIfóbicas por parte desta xustiza patriarcal e reaccionaria. Imos pelexar e organizarnos contra as agresións LGBTIfóbicas, non só a defendernos”, indican.

“É necesario que nos organicemos, por iso desde diferentes colectivos convocamos mobilizacións contra a LGBTIfobia e a represión en todo o Estado español ao longo desta fin de semana. A solidariedade entre as loitas desde unha perspectiva antirracista, antipatriarcal e anticapitalista é unha das nosas maiores armas”.