O Movemento Global a Gaza convoca mobilizacións por mar e terra para apoiar a 'Global Sumud Flotilla'

Imaxe de arquivo do barco 'Handala' da 'Flotilla por la Liberdade'. (Foto: Europa Press/Fabio Serino)
A Flotilla Sumud Global estará composta por ducias de barcos con tripulacións de 44 países, que partirán o 31 de agosto co obxectivo común de romper o "asedio ilegal imposto a Gaza" por mar e entregar axuda humanitaria.

O Movemento Global a Gaza – Galiza convoca mobilizacións en todo o país este sábado, 30 de agosto. As accións, que decorrerán baixo o lema "Contra o xenocidio e en apoio á Flotilla Sumud Global", terán lugar en cidades e vilas galegas como Compostela, Vigo, Ferrol, A Coruña, Ourense, Pontevedra, Fisterra, a Illa de Arousa, Sanxenxo ou Redondela.

O Movemento Global a Gaza – Galiza chama á sociedade galega a mobilizarse en solidariedade co pobo palestino e en apoio á Flotilla Sumud Global, que partirá o 31 de agosto desde distintos portos internacionais para "romper o bloqueo imposto polo Estado de Israel a Gaza". Están organizadas accións por mar e por terra.

As accións confirmadas na Galiza son as seguintes:

  • Compostela: Concentración ás 12 horas na praza do Toural.
  • A Coruña: Manifestación ás 12 horas desde o Obelisco.
  • Ourense: Concentración ás 20 horas na praza Maior.
  • Pontevedra: Roteiro ás 20 horas desde o Hospital até a Subdelegación.
  • Lugo: Concentración ás 20 horas na praza Maior.
  • Ferrol: Encontro de embarcacións ás 12 horas no peirao de Cortina. Ás 20 horas, recital poético no peirao de Curuxeiras.
  • Vigo: Regata de vela solidaria ás 11 horas e marcha terrestre en Samil ás 17 horas.
  • Fisterra: Marcha ás 11 horas desde o Monumento ao Emigrante até o faro.
  • Illa de Arousa: Marcha pola ponte e flotilla ás 12 horas.
  • Sanxenxo: Marcha desde a praza dos Barcos á Lonxa de Portonovo ás 19 horas.
  • A Guarda: Concentración ás 19 horas na praia do Porto.
  • Ribadeo: Concentración, o domingo ás 12.30 horas, na praza de España.
  • Redondela: Concentración o 1 de setembro ás 20.30 horas na praza do Concello.

Denuncia e solidariedade

Desde o movemento denuncian que a comunidade internacional está a asistir "en directo a un xenocidio"., con "vidas esnaquizadas, familias destruídas, hospitais e escolas bombardeadas, persoal sanitario e xornalistas asasinados".

Critican tamén a complicidade de gobernos europeos e institucións internacionais, "que manteñen relacións comerciais e militares co Estado de Israel mentres a infancia palestina é obxectivo do terror".

A Flotilla Sumud Global estará composta por ducias de barcos con tripulacións de 44 países, que partirán o 31 de agosto co obxectivo común de romper o "asedio ilegal imposto a Gaza" por mar e entregar axuda humanitaria. Ademais, este movemento global pretende facer visíbel a solidariedade internacionalista con Palestina.

"Palestina resiste xeración tras xeración, con dignidade e orgullo, e a súa loita é tamén a nosa. O 30 de agosto, Galiza sairá á rúa para dicir que Palestina non está soa", sinalan desde a organización convocante.

O Movemento Global a Gaza – Galiza pide a todas as organizacións sociais, sindicais, culturais, feministas, estudantís, ecoloxistas, veciñais e políticas e ao conxunto da sociedade galega, que se sumen á mobilización, e fai un chamamento especial a manter a vixilancia no caso de que a flotilla sufra "sabotaxes ou ataques durante a súa viaxe".