O Movemento Galego da Saúde Mental sinala a inacción do Goberno de Feixoo

O conselleiro Vázquez Almuíña na estrea da mostra 'Photovoice: Fotografando a depresión' en 2016 (Xunta da Galiza).
Ás portas dos comicios galegos do 5-A o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) fai balance da acción do Goberno de Alberto Núñez Feixoo á fronte da Xunta da Galiza durante o seus mandatos. “Once anos de danos á saúde mental”, titula o colectivo o seu informe de prexuízos. 

As profesionais de saúde mental da Galiza debullan nun comunicado os principais eixos da política do Partido Popular para atallar o sufrimento psíquico da cidadanía e protexer a súa saúde, para concluír que os gobernantes da sanidade galega, nomeadamente no ámbito da saúde mental, non cumpriron coas súas obrigas. “Non se coidou da xente. Fíxose negocio coa saúde. Compadreouse con grupos poderosos do negocio sanitario. Facilitouse o aumento da adicción da poboación e a súa intoxicación masiva con fármacos. E producíronse mortes por omisión do cumprimento do deber dos gobernantes”, detallan no documento.

"Non se coidou da xente e fíxose negocio coa saúde".

O MGSM pon o foco en 10 asuntos fundamentais que, ao seu entender, condicionaron a deriva da saúde mental na Galiza. O primeiro, din, a falta de planificación. “Cando Feixoo accedeu ao Goberno da Xunta, a primeira acción neste eido foi a paralización do Plan Estratéxico de Saúde Mental da Galiza 2006-2011”, de xeito que freou calquera iniciativa para organizar os recursos dispoñíbeis e as prioridades, sobre todo, destacan, cando estaba a comezar a crise financeira que tanto afectou ás persoas máis vulnerábeis. 

Privatización

Neste sentido, apuntan “un engano sostido á sociedade e ao Parlamento sobre as actuacións en saúde mental tanto da Consellaría de Sanidade como do Sergas”, ao defenderen un traballo activo a prol dun plan galego de saúde mental e tamén de prevención do suicidio polo que “seguimos esperando”.

"Sanidade ocultou a importancia dos datos que informaban do incremento dos suicidios na Galiza".

A respecto deste último, refiren un “ocultamento” intencionado do estado de saúde da comunidade, ao negarlle aos cidadáns acceso á gravidade que reflectían os datos da Consellaría. En concreto, o MGSM incide na “importancia dos datos que informaban do incremento dos suicidios na Galiza” que tanto Feixoo como o PP negaron ante a Cámara galega até o punto de rexeitar propostas da oposición e dos movementos sociais para que a Xunta elaborase un plan de prevención efectivo.

“Sen pudor, Feixoo subordinou a necesidade de prevención sanitaria ao seu interese político”, salientan, para engadir que cando o Goberno por fin elaborou un plan, fíxoo sen asignarlle orzamento, responsábeis nin protocolo de execución.

Indiferenza

As profesionais da saúde mental denuncian a politización da estrutura sanitaria, propaganda, control informativo e electoralismo. Mais tamén a vulneración dos dereitos das persoas con necesidades de atención en saúde mental, maltrato, discriminación das pacientes ingresadas, así como a privatización de servizos e prestacións esenciais para as doentes con requirimentos específicos.

"Feixoo subordinou a necesidade de prevención sanitaria ao seu interese político”.

Critican a indiferenza do Executivo Galego ante "a gravidade da práctica da contención mecánica, condicións residenciais e tratamentos inaceptábeis, como os de Conxo (Compostela) ou Calde (Lugo), unha dotación profesional insuficiente, concertos con entidades privadas para a prestación de atención psicolóxica a usuarias do Sergas e a "externalización de residentes de longa estadía nos hospitais psiquiátricos da Galiza, que nutriron non en poucos casos as residencias privadas", espazos, din, inadecuados para atendelas.