O movemento feminista defende o aborto "accesíbel para todas" co gallo do 28-S

[Imaxe O.R.]

Após a entrada en vigor da reforma lexislativa que obriga as menores de idade a contar con autorización familiar para interromper un embarazo non desexado, o movemento feminista conmemora o Día de acción global por este dereito. 

 

Desde o 21 de setembro de 2015 as mulleres de entre 16 e 18 anos están obrigadas a contar con autorización famliar para interromperen a súa gravidez. Así o aprobou o poder lexislativo español cos votos favorábeis unicamente do Partido Popular e deputad@s de Unió e Foro Asturias. E así o recolle o Boletín Oficial do Estado

Neste senso, é preciso que "para a interrupción voluntaria do embarazo de menores de idade ou persoas con capacidade modificada legalmente será preciso, para alén da súa manifestación de vontade, o consentimento expreso dos seus representantes legais". 

Este 28 de setembro, Día de acción gobal polo dereito ao aborto, o movemento feminista da Galiza sae de novo ás rúas para conmemorar a data e reivindicar o acceso a unha interrupción voluntaria do embarazo "legal", "seguro" e "accesíbel para todas", coa ollada posta nesta reforma lexislativa. 

Con motivo da xornada foron convocadas concentracións nas sete cidades galegas ás 20 horas. 

  • Vigo: Farola de Urzáiz 
  • Compostela: Praza 8 de marzo
  • Pontevedra: Pazo da Cultura
  • A Coruña: Teatro Rosalía de Castro
  • Lugo: Praza do Concello 
  • Ourense: A Castañeira. Subdelegación do Goberno
  • Ferrol: Praza do Concello