Un motorista procedente de Madrid que dá positivo en drogas alega que viaxaba a Galiza tras separarse

(Arquivo)
No marco do estado de alarma os desprazamentos están restrinxidos

A Garda Civil detectou perto de Ourense un motorista procedente de Madrid, que deu positivo no test de drogas, que viaxaba a Galiza sen causa xustificada no marco do estado de alarma no que os desprazamentos están restrinxidos.

Segundo informou o Instituto Armado, o home, "que circulaba sen causa xustificada entre provincias, manifestou que a súa intención era instalarse na Galiza tras separarse da súa parella en Madrid".

Os feitos tiveron lugar sobre as 3:00 horas do pasado domingo con motivo da realización dun control e verificación despregado na estrada N-525 á altura do punto quilométrico 235 nun tramo de circunvalación da cidade de Ourense.

Efectivos da Garda Civil da Agrupación de Tráfico observaron que, á vista da equipaxe que portaba, o motorista "puidese atoparse efectuando unha viaxe de longo percorrido". O condutor resultou ser un home de 51 anos con domicilio en Madrid que, preguntado polo motivo do desprazamento, alegou que "viña directamente da capital e que estaba a buscar onde pasar a noite", sinalou a Benemérita.

Neste primeiro contacto os axentes, destacaron as mesmas fontes, "percibiron signos afíns a un cadro de consumo de drogas", polo que someteron ao motorista ao test indiciario, no que obtivo positivo en consumo de THC.

A Garda Civil de Ourense asegurou que informará da circunstancia desta viaxe "non xustificada" á Subdelegación de Goberno mediante a correspondente acta de denuncia.