Algúns vehículos rexistran problemas

Fallos graves nas motobombas novas da Xunta comprometen a loita contra o lume

[Imaxe: Xunta] No centro, Núñez Feijóo, cando fixo entrega das 57 motobombas a Concellos

Na época do ano de máximo risco de lumes forestais, varias unidades de extinción de incendios están a traballar sen dispoñeren de motobombas, unha ferramenta fundamental para atallalos. Así o denuncia a CIG, que advirte de fallos detectados nos vehículos.

 

A última remesa de motobombas entregadas á Xunta de Galiza presentan graves fallos que impiden o seu uso. Isto provoca que unidades de extinción de incendios teñan que desenvolver o seu labor sen contar cun dos instrumentos básicos no traballo contra os lumes. Segundo a CIG, esta situación está a darse en distritos de Ourense, en Deza-Tabeirós, no Condado-Paradanta e en Caldas-O Salnés.

“Tivemos coñecemento de que en algún caso, o afectado foi o sistema de freado, poñendo en risco a vida tanto de condutores como dos alí presentes”, sinala a CIG-Autonómica, que tamén se fai eco de problemas na refrixeración do motor dos vehículos. Trátase, en definitiva, de fallos que “afectan á eficacia na defensa dos montes”.

Sen alternativa

Diante desta situación, a CIG lamenta o desleixo da Xunta, “desde o goberno non contactaron cos representantes dos traballadores e traballadoras para explicar as causas destes fallos”. Uns fallos que, alerta a central sindical, “minguan o dispositivo en época de máximo risco” e cando hai “máxima carga de traballo”. E é que a inmobilización dos vehículos non veu acompañada de ningunha solución.

Aliás, o sindicato solicitou a convocatoria urxente do Comité de Prevención de Riscos Laborais, amais de instar a Consellaría de Medio Rural a explicar que vai facer coas motobombas entregadas na última remesa e se están en funcionamento.

Entrega de 57 motobombas

O 1 de de xullo a Xunta de Galiza facía pública a última entrega de motobombas dentro do dispositivo de loita contra incendios deste verán. Tratouse, neste caso, de vehículos que lles foron entregados aos concellos de Noia, Bande e Ribeira e que se sumaron ás 57 motobombas entregadas no mes de marzo nun acto que presidiu Alberto Núñez Feijóo.

Precisamente, o 1 de xullo, a Xunta anunciaba mediante un comunicado de prensa que estaba prevista a compra doutras 12 motobombas para finais de 2016 e 12 máis para a primavera de 2017.