A Mostra de Camariñas internacionaliza o encaixe

Encaixeiras, esta cuarta feira, na inauguración da 34ª Mostra do Encaixe de Camariñas. (Foto: Mostra do Encaixe de Camariñas)
O encontro de encaixeiras abriu esta cuarta feira a 34ª edición do evento.

A moda, a innovación e a tradición centenaria do encaixe e das palilleiras danse cita até o domingo na 34ª edición da Mostra de Camariñas, evento anual que cumpre o labor de difusión galega e internacional dunha artesanía que ten moito de motor económico na Galiza. Así o destacaron na inauguración oficial os promotores da Mostra, o Concello de Camariñas e Deputación da Coruña. O evento conta tamén coa colaboración da marca Encaixe de Camariñas, a Xunta e Artesanía da Galiza.

O encontro de encaixeiras da Costa da Morte abriu a programación da Mostra. Esta cuarta feira pola tarde foi a inauguración oficial, coa presenza do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua; a subdelegada do Goberno español na Coruña, María Ribas, o director xeral de Comercio da Xunta, Gabriel Alén, e numerosos representantes institucionais e alcaldes e alcaldesas da comarca, así como veciñanza e visitantes. A Mostra naceu hai máis de tres décadas como unha pequena feira local, e foi evolucionando até converterse “nun dos grandes acontecementos culturais e turísticos da Galiza cada Semana Santa”, destacan desde a organización.

Nestes anos de percorrido, explican que o espazo da Mostra do Encaixe “mantén vivas as súas raíces e, ao mesmo tempo, abre portas á creatividade das novas xeracións”.

No seu discurso inaugural, o presidente da Deputación destacou que a Mostra do Encaixe “é un encontro interxeneracional que conecta o pasado e o futuro, a tradición e a vangarda”. Salientou que durante estes días “Camariñas convértese no epicentro mundial dunha arte que nos identifica: o encaixe de bolillos, transmitido de xeración en xeración, que hoxe é deseño, moda e arte”. A alcaldesa de Camariñas definiu a Mostra como “un acto de reivindicación feminista”, destacando o protagonismo das mulleres.

Desfiles con encaixe

O evento ten evolucionado tamén cara ao mundo da moda. Na primeira xornada do evento, os desfiles foron os grandes protagonistas, para todas as idades, coa celebración do PequeEncaixe e o desfile de grandes deseñadoras. A Mostra conta tamén cun concurso de novos talentos, unha excelente plataforma para que deseñadores e deseñadoras emerxentes dean os seus primeiros pasos.

Nesta edición, desfilan pola pasarela da Mostra grandes nomes do deseño, así como estudantes e creadores emerxentes que integran o encaixe nas súas propostas de moda contemporánea, mostrando a súa versatilidade e capacidade de diálogo co presente. Sobre as pasarelas vense creacións de Ana Cabranes, Andion Clothing, Claudina Mata, Devota & Lomba, Franco Quintáns, Anamingo, Dolores Cortés, Esteban Freiría, Jose Matteos e OSE Couture, entre outras.

A actuación de Fillas de Cassandra puxo esta cuarta feira música á Mostra. Na quinta feira, será o concerto 'Cantares Atlánticos' da soprano Soledad Vidal e Aurelio Viribay. A actuación de clausura, o domingo, será de Budiño. Tamén o domingo decorrerá o III Encontro de Corais. Na mostra deste ano preséntarnse os libros Homes e mulleres da sal e ferro (Canela), de Xesús Búa, e Cantareiras (Xerais), de Icía Varela e Xosé Manuel Varela.