Máis

O mosteiro de Oseira

Conxunto arquitectónico do Mosteiro de Santa María de Oseira (San Cristovo de Cea, comarca do Carballiño). [Foto: X. R. C.]
Adentrarse na comarca do Carballiño.

Nos pés da Serra da Martiñá encóntrase o mosteiro de Oseira, no concello de San Cristovo de Cea (comarca do Carballiño). O seu particular nome pode ter a orixe na posíbel presenza de osos nestas montañas. Tamén, hai versións que afirman que atende a unha metáfora que refire aos riscos e fortes costas que existen no lugar.

A fundación do mosteiro data do ano 1137 e moi pouco despois pasou a mans da Orde do Císter, que estabeleceu unha pequena comunidade de monxes franceses. Rematou a súa obra en 1239 e componse dunha planta con forma de cruz latina, 3 naves con 7 tramos máis unha nave no cruceiro con dous tramos e cúpula incluída. Aquí está a Virxe do Leite, figura de pedra policromada do século XIII.

Estímase que o mosteiro foi consagrado en 1239 e o virulento incendio acontecido no ano 1552 supuxo un punto de inflexión, ao desaparecer gran parte do patrimonio románico que albergaba. Salvouse a nave central da igrexa, de forma oxival e acometeuse unha gran reforma que propiciou o rexurdimento da institución, como as paredes policromadas nos muros da igrexa ou a súa fachada, expoñentes do estilo gótico.

No século XIX, coas desamortizacións, foi abandonado. Neste tempo, esta obra patrimonial foi obxecto de espolio, a destacar especialmente a xornada do 2 de abril de 1909 cando a veciñanza negouse a que levaran o baldaquino do interior.

A Garda Civil asasinou sete persoas por este incidente. En 1929, o mosteiro volveu á actividade coa chegada de monxes da Trapa. A represión franquista, en 1936, converteu o mosteiro nun campo de concentración para presos políticos coa finalidade de reconstruír o recinto.

É imprescindíbel achegarse aos seus tres claustros e aos retablos do Cruceiro e da Xirola, con distintas imaxes de santos. Tamén recomendábel a Sala Capitular, do século XV e unha espectacular mestura entre bóvedas e columnas, a Capela de Santo Andrés que mostra a simplicidade das orixes do mosteiro, e o antigo Refectorio, que alberga o Lapidarium, onde se poden ver os restos das restauracións e escavacións arqueolóxicas feitas ao longo do tempo.