Denuncia do observatorio Esculca

Nove mortes nas cadeas galegas no que vai de ano

O cárcere de Pereiro de Aguiar. Foto: cedida.
Un preso na cadea de Pereiro de Aguiar agoniou na súa cela por esganamento. Finalmente morreu. Atopárono os funcionarios de prisión o pasado 21 de agosto arredor das cinco da tarde. É a novena morte rexistrada nos cárceres galegos no que vai de 2019, unha cifra, denuncia Esculca, “moi superior á de anos anteriores”.

O observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades faise eco da alarma de colectivos de funcionarios de prisións de Galiza ao respecto destas mortes.

Esculca tamén relata a historia de J. J. F. E., finado en Pereiro de Aguiar o 27 de xuño. Preso de 50 anos de idade, saíu ao patio despois de cumprir unha sanción de privación de paseo diario. Alí faleceu. Segundo sindicatos de traballadores das cadeas, a causa foi “unha posíbel sobredose”. Mais os familiares de J. J. F. E. -que antes pasara polas penitenciarías da Lama e de Teixeiro (Curtis)- afirmaron que o interno padecía hepatite e lamentaron “a deficiente atención médica”.

Tres mortos en Pereiro de Aguiar, tres en Teixeiro e un, respectivamente, na Lama, en Bonxe (Outeiro de Rei), en Monterroso son os nove falecidos no que vai de ano en prisións galegas. Fontes de Esculca achacan a situación aos problemas da atención sanitaria nos presidios, a circulación descontrolada de drogas no interior dos mesmos e á dureza das condicións xerais. De feito, segundo os datos que manexa o observatorio de dereitos e liberdades, un 70% das mortes nos cárceres da Galiza débense aos estupefacientes e aos suicidios.