Achan falecido un home na súa vivenda, na que había fume, no Barco de Valdeorras

Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza. (Foto: Xunta)
Foi a súa coidadora quen deu a voz de alarma ao atopar o seu corpo sen vida no salón e varias cadeiras calcinadas.

Unha muller atopou falecido un home no salón da súa casa, na que había fume, situada no municipio do Barco de Valdeorras. Segundo informa o 112-Galiza, a central de emerxencias recibiu a alerta contra as 13 horas do mediodía desta segunda feira a través de Urxencias Sanitarias da Galiza-061.

Tal e como indicaron desde o servizo de Urxencias, a coidadora do home achou o seu corpo sen signos vitais no salón da vivenda, situada na rúa de Rubia, no municipio do Barco.

Aliás, a muller deu conta dunhas cadeiras calcinadas, se ben matizou que, cando chegou ao lugar, xa non ardía nada dentro do domicilio en cuestión.

Así, tras recibir o aviso, o 112 solicitou a intervención do GES de Valdeorras, da Policía Local e da Garda Civil, que se desprazou até o lugar. As autoridades tratan agora de esclarecer as circunstancias deste tráxico suceso.