As mortes coa Covid quintuplícanse este verán, mais mingua a taxa de letalidade

Un paciente coa Covid-19 é trasladado ao Hospital de Lugo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Persoas expertas sinalan a 'Nós Diario' que, sen os avances na inmunización da poboación galega, o elevado número de contaxios rexistrado este verán tería provocado "un masacre". Aliás, ven "lóxico" que sigan a ingresar nas UCI doentes con coronavirus, e apuntan que esta enfermidade seguirá a infectar ano tras ano "como a influenza".

Entre os meses de xuño e agosto do presente ano faleceron na Galiza 150 persoas coa Covid-19, un dato que contrasta co rexistrado no mesmo período de 2020, con 29 decesos. A simple vista pode resultar sorprendente esta gran diferenza, mais as fontes expertas consultadas por Nós Diario explican os motivos.

O médico especialista en Análises Clínicas Luís Vázquez salienta que, mentres neste verán houbo perto de 50.000 contaxios, no anterior non chegaron a 5.000: "Daquela sairamos do confinamento máis duro, entre marzo e finais de maio, e cando volvemos saír ás rúas o contador estaba practicamente a cero. Mais, a pesar de se rexistrar menos mortes, a taxa de letalidade foi de 0,48%, mentres no verán actual é de 0,28%, case a metade, grazas a que xa están vacinados os principais grupos de risco".

A catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo (UVigo) África González, pola súa banda, apunta: "Hai que ter en conta que na Galiza houbo moi poucos casos durante a primeira vaga en comparanción con outros territorios, porque fechamos moi cedo. E este verán, en cambio, déronse distintas circunstancias como a chegada da variante Delta, o cansazo xeral da poboación pola pandemia e a relaxación das medidas, o que provocou que máis xente marchara de vacacións, organizara xuntanzas familiares... En definitiva, máis movemento e máis casos".

A este respecto, incide: "O virus segue aí, e a Delta non é só máis contaxiosa, senón que tamén duplica o risco de hospitalización".

González vén de publicar o libro Inmunopower, no que explica o funcionamento do sistema inmunitario ante doenzas coma a Covid-19: "Gústame velo como un castelo defendido por soldados listos para actuar, que ofrecerían a primeira resposta fronte ao virus, e os francotiradores, que serían os anticorpos que obtemos coa vacina e cuxos disparos son máis precisos. A vacina da Covid-19 impediu a morte de milleiros de persoas; sen ela, o número de falecementos deste verán sería moito maior".

"Xa non morre xente pola Covid, senón coa Covid"

Nacho Ramil, médico internista do hospital HM Modelo da Coruña, considera que, debido á notábel diferenza de contaxios entre o pasado verán e o actual, a comparación máis axeitada sería coa terceira vaga da Covid-19.

"En xaneiro deste ano tivemos unhas cifras de positivos moi semellantes ás de principios de agosto; con todo, a porcentaxe de ingresos hospitalarios e de falecementos reduciuse de forma significativa", explica. De feito, entre xaneiro e marzo de 2021 —cando se comezou administrar a vacina— producíronse 932 mortes, cunha taxa de letalidade que superou o 1%.

Ramil salienta a importancia da vacinación na redución da mortalidade: "Se en 2020 tivésemos vivido como en 2021, con restricións tan baixas como as actuais, o pasado ano sería un auténtico masacre". Así as cousas, o doutor lembra que "hai unha porcentaxe de xente que ten máis risco de que a vacina lle resulte eficaz".

Mais a meirande parte das persoas ingresadas nos hospitais non obtiveron aínda a pauta completa, quer porque non foron chamadas, quer porque non se quixeron vacinar. Tamén volven ás unidades de críticos persoas maiores que xa foron inmunizadas: "A diferenza é que antes ingresaban polos síntomas da Covid-19, e agora fano coa Covid-19, porque malia teren o virus trátase de persoas inmunodeprimidas que tamén terían ingresado por unha influenza. No inverno probabelmente veremos moitos maiores nas UCI", prevé o internista.

"Segundo a tendencia que estamos a ver, o coronavirus vai ser unha infección endémica como a influenza ou calquera virus respiratorio, e todos os anos haberá un número determinado de ingresos e de mortes que debemos asumir", engade Luís Vázquez.