As mortes na Galiza pola COVID-19 elévanse a 604 tras realizar Sanidade unha revisión clínica de dous casos

As persoas falecidas con coronavirus relacionadas con residencias son 269 (Europa Press)

As persoas falecidas relacionadas con residencias son 269, case 45% do total de vítimas mortais con coronavirus no país.

As mortes na Galiza con coronavirus eleváronse a 604 tras comunicar neste sábado, 16 de maio, a Consellaría de Sanidade a revisión clínica dos casos de dous homes, un de 70 anos e o outro de 78, que estiveran ingresados Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).

Xa que logo, o número de mortes rexistradas en atención hospitalaria sobe a 472: 126 na área sanitaria da Coruña, 100 na área de Ourense, 91 na área de Vigo, 83 na área de Santiago, 30 na área de Ferrol, 26 na de Lugo (dous dos falecidos, en atención domiciliaria), e 16 en hospitais da área de Pontevedra.

A estas defuncións hai que sumar as 132 rexistradas até agora dentro das residencias de maiores, aínda que neste sábado e por noveno día consecutivo, non se comunicaron falecementos con COVID-19 nas residencias.

45% das mortes, de residencias

En todo caso, cómpre ter en conta que, dos pasamentos en atención hospitalaria, hai 137 persoas que estaban vinculadas con centros residenciais ─e que faleceron en hospitais ou en residencias integradas─. A ese respecto, os falecidos relacionados con residencias son 269, o que supón case 45% do total de vítimas mortais polo coronavirus na Galiza.

Desde que se iniciou a pandemia, morreron 22 usuarios na residencia DomusVi de San Lázaro, 21 na Nuestra Señora de la Esperanza (Ourense), outros 20 na DomusVi de Cangas, 12 na DomusVi de Barreiro (Vigo), 9 na El Portazgo (A Coruña), 8 na DomusVi Matogrande, 8 na Remanso Claudina-Somoza, e 7 na Santa Teresa Jornet.

Tamén, 5 usuarios na residencia de Moledo (Vigo), e 3 na residencia As Fragas de Pontedeume, os mesmos que na residencia San Pedro de Crecente, na DomusVi Concepción Arenal (A Coruña) e na Divino Maestro de Ourense.

Finalmente, nas residencias Fogar Bellolar, Castro Caldelas, Caser A Zapateira (Culleredo), San Carlos de Celanova, residencia de Foz, Nuestra Señora de Fátima (Barco de Valdeorras), San José de Ourense e Fundación José Otero de Santiago, notificouse unha morte en cada unha delas.