Seis mortes con Covid-19 na Galiza na xornada do sábado

Persoal sanitari cunha persoa ingresada na unidade de cuidados intensivos. (Foto: Europa Press).
A do sábado supón a cifra máis baixa dunha semana na que, á agarda dos datos de hoxe, suman xa 74 falecementos.

A Consellaría de Sanidade notificaba onte o falecemento de seis persoas, polo que as vítimas mortais na Galiza son actualmente 1.062.

A cifra do sábado é a máis baixa da semana: segunda feira (21), terza feira (15), cuarta feira (15), quinta feira (7) e sexta feira (10).

Das seis persoas falecidas, todas tiñan patoloxías previas e tres estaban relacionados con residencias: unha muller de 88 anos, falecida no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), mais que procedía da residencia Santa Olalla de Boqueixón; así como un home de 83 anos e unha muller de 89 que finaron na residencia Nosa Señora dos Milagres de Barbadás (Ourense).

A lista de persoas falecidas complétase cun home de 77 anos no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF), un home de 83 anos no Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (Chuac) e un home de 66 anos no CHUS de Santiago.