As vítimas mortais en Galiza polo coronavirus xa son 18

O número de casos rexistrados ascende a 885, dos que 33 permanecen en UCI.

O balance en Galiza en relación á pandemia de coronavirus acada as 18 vítimas mortais co falecemento nas últimas horas de seis persoas. Por agora, o último falecemento é o dunha muller de 92 anos esta tarde de domingo en Ferrol. Estaba ingresada no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF), presentaba patoloxías previas e tras facerlle a PCR (proba para diagnosticar o coronavirus) o resultado foi positivo.

Horas antes morrera unha muller de 90 anos que estaba ingresada en Ourense. A ela hai que engadir un home de 72 anos en Pontevedra, unha muller de 84 anos no Hospital Universitario de Santiago (CHUS) e o falecemento dunha muller de 77 anos que estaba no Hospital Juan Cardona de Ferrol, así como dun home de 81 anos que estaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac).

Todos tiñan patoloxías previas.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, este domingo 22, o número de casos de coronavirus en Galiza ascende a 885, deles 226 son da área da Coruña, 58 da de Lugo, 95 da de Ourense, 136 da de Pontevedra, 212 da área de Vigo, 130 da de Santiago, e 28 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 33 permanecen en UCI, 227 están en unidades de hospitalización e 625 no domicilio. Polo de agora, en Galiza rexistráronse 16 altas de pacientes e 14 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 5.052.

No Estado español o número de casos rexistrados é de 28.572, con 1.720 persoas falecidas. 

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.