Morren unha nai e unha filla nun accidente na vía rápida en Cambados

Emerxencia 112 Galiza (Foto: 112).
Efectivos dos servizos de Emerxencias de toda a comarca do Salnés traballan nun grave accidente rexistrado na mañá deste sábado na vía rápida, xusto á altura da saída de Corvillón, no municipio de Cambados. Trátase dun sinistro no que se viron implicados un turismo e un camión cisterna que trasladaba mercadorías perigosas. Segundo fontes dos servizos de emerxencias hai dúas falecidas, unha nai e unha filla que viaxaban no coche. O accidente obrigou a cortar a estrada.

Nai e filla faleceron na mañá deste sábado tras chocar un camión-cisterna e un coche na estrada VG-4.3, ao seu paso pola parroquia de Vilariño, en Cambados.

Segundo informou o 112, foron varios particulares os que ao fío das 9.30 horas deste sábado deron a voz de alarma. A carga que transportaba o camión non está afectada mais si, hai perda de combustíbel do propio vehículo pola estrada.

Até o lugar desprazáronse Urxencias Sanitarias da Galiza-061, os Bombeiros de Ribadumia, o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Sanxenxo, a Garda Civil, a Policía Local, e os equipos de Protección Civil de Cambados, Vilanova e Vilagarcía.

Así, debido á perda de combustíbel do depósito do camión, o Servizo de Emerxencias de Vilagarcía forneceu escuma por todo o vehículo, para evitar que o carburante derramado prendese lume na maleza lindeira á estrada.

Tras excarcerar ás vítimas e realizar os labores de limpeza da vía, no lugar quedaron os axentes da Garda Civil, persoal de mantemento da estrada e efectivos de Protección Civil de Cambados, para realizar o traslado da carga a outra cisterna e a retirada posterior do vehículo.

Por tanto, de momento, a vía está cortada ao tráfico nese tramo e a circulación está dirixida por vías alternativas. Pola súa parte, o Concello de Vilagarcía expresou as súas condolencias á familia, veciños e amigos das dúas falecidas, veciñas de Sobradelo.