Morren dous mozos de 18 anos nunha saída de vía provocada por un xabaril en Chantada

O vehículo sinistrado en Chantada. (Foto: Europa Press)
O condutor, que deu negativo na proba de alcolemia e sufriu unha crise de ansiedade após o suceso, resultou ileso. Os dous falecidos levaban o cinto posto no momento e eran futbolistas do equipo xuvenil da SD Chantada.

Dous mozos de 18 anos morreron e un terceiro, o condutor, saíu ileso nunha saída de vía ocorrida pasada a medianoite en Chantada (comarca homónima). Segundo relataba un dos primeiros alertantes e confirma agora a Garda Civil, o accidente foi provocado por un xabaril que cruzou a estrada. Ambas as vítimas mortais, Abel Carreira García e Álex Gómez Ríos, xogaban no equipo xuvenil da Sociedade Deportiva Chantada, clube que decidiu suspender temporalmente toda a actividade para ficar ao dispor das familias.

Segundo informan o 112-Galiza e o Instituto Armado, o turismo saíu pola marxe dereita da calzada e bateu contra a barreira de seguridade no punto quilométrico 53 da N-540. Mentres o que manexaba o vehículo resultou ileso, os bombeiros tiveron que excarcerar as dúas vítimas mortais, que viaxaban no asento do copiloto e na parte traseira.

O 112 tivo constancia do ocorrido ao fío das 00.15 horas, cando varios particulares chamaban a central de emerxencias para solicitar axuda para os ocupantes do coche, que estaban atrapados. Un dos alertantes xa sinalaba que se debera a un xabaril que se interceptou na calzada.

Seguidamente, os xestores do 112 solicitaron a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos bombeiros de Chantada e de Garda Civil de Tráfico. Unha vez no lugar, os membros de salvamento e extinción de incendios do municipio empregaron material de excarceración para liberar dous dos ocupantes, sen que se puidese facer nada por salvarlles a vida. Tratábase de dous homes de 18 anos, veciños de Chantada.

O condutor, a pesar de que sufría unha crise de ansiedade, saíu ileso. Deste modo, a central de emerxencias informou os especialistas do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes ou Emerxencias (GIPCE) por se fose necesaria a súa atención a familiares e achegados dos falecidos. No operativo tamén participaron efectivos de Protección Civil de Chantada e persoal do servizo de mantemento das estradas. Igualmente, pasouse o aviso á Policía Local.

O cinto posto e negativo en alcolemia

Os tres ocupantes do coche accidentado levaban posto o cinto de seguridade. Ademais, o condutor deu negativo na proba de alcolemia que se lle practicou posteriormente. Así veñen de confirmalo fontes da DXT citadas pola axencia Europa Press, que sinalan á presenza do xabaril como a principal causa de que o coche acabase saíndo da estrada polo lado dereito e batendo contra a barreira de seguridade.

A presenza dun animal na estrada supón, todos os anos da última década, máis da metade dos accidentes de tráfico nos concellos da circunscrición de Lugo. En todo 2022 houbo 1.606 sinistros que tiveron aos animais como causa —58,87% do total— e, de todos eles, 956 eran xabarís. No que vai de 2023, houbo 993 accidentes de tráfico con animais na provincia —56,49% do total até a data—, dos cales 553 foron con xabarís, de acordo con os mesmos datos da DXT.

Desde 2014 houbo que lamentar seis vítimas mortais —contando os dous mozos falecidos en Chantada— en accidentes de tráfico con presenza dun animal en estradas deste territorio. Con todo, non había que lamentar falecidos neste tipo de sinistros desde o ano 2017. Outro dos datos para resaltar da provincia de Lugo é que, das 13 vítimas mortais rexistradas na estrada este ano, oito eran mozos de menos de 24 anos. Con todo, a DXT descarta que a idade sexa "un denominador común" entre cada un destes sucesos.

Loito oficial

O Concello de Chantada declarará dous días de loito polo falecemento destes dous mozos, as bandeiras ondearán a media hasta e as actividades municipais quedarán suspendidas de forma temporal. Confirmouno esta mesma mañá o alcalde accidental do municipio, Manuel Diéguez, en declaracións a Europa Press. Ás 19 horas está convocado un pleno extraordinario para aprobar unha declaración institucional e estabelecer as dúas datas de loito oficial. Desde o Goberno local aseguran estar "totalmente a disposición" das familias e, tal e como explicitou Diéguez, toda a corporación quere trasladar as súas condolencias e apoio ás familias.