Morre un veciño de Compostela pola picadura dunha avespa velutina

D.G.D, de 54 anos de idade, era apicultor afeccionado.

Un veciño de Compostela faleceu este domingo en Villestro como consecuencia da picadura dunha velutina cando ía visitar unhas cortizas da súa propiedade próximas á súa vivenda nesta parroquia santiaguesa.

Ao supervisar D.G.D, de 54 anos de idade, as colmeas, canda un veciño que o acompañaba, comprobou que nunha delas se instalara un pequeno niño de avespas velutinas.

Foi entón cando foron atacados por estas avespas, recibindo D.G.D no mínimo unha picadura na cara, perto da cella. Até o luar desprazáronse varios veciños, após avisar os servizos de emerxencias.

D.G.D perdeu o sentido na súa vivenda. A escasos metros das cortizas, e os servizos do 061 nada puideron facer por salvar a súa vida.

Non fixo falta esperar os primeiros días de calor para que apicultoras e particulares volvesen reparar na velutina. Desde o primeiro de marzo están preparadas para darlle captura e minguar o impacto que poida ter na súa produción mais na propia contorna.

A avespa asiática está instalada na Galiza. "Está estabelecida", sinala o presidente da Asociación Galega de Apicultura (AGA), Xesús Asorei. "Non marchou. Está asentada, sobre todo na beira do mar e nos vales do interior. Nas zonas de montaña a praga vai con atraso pero tamén se acabará notando no prazo dun ano ou dous", asegura.

Ao cabo do primeiro mes de trampeo, as sensacións varían segundo a localización xeográfica dos apicultores. Desde as zonas costeiras informan dunha captura sostida de raíñas de velutina, indica Asorei a Nós Diario. 

"Están caendo tanto na Mariña como nas Rías Altas e nas Baixas. E malia que o ritmo non é igual en todas as localidades, hai diferenzas claras co interior, onde se observa un comportamento distinto, por mor do frío. Con todo, sabemos que na Estrada están rexistrando boas capturas, moito mellores que en Lalín. Ou tamén en Monforte e en Curtis, onde a pesar das temperaturas, máis frescas, apuntan bos apresamentos", engade. Así, impiden que se reproduzan e que formen os niños máis grandes.