Morre Stephen Hawking, o grande revolucionario da astrofísica

Investigador dos buracos negros e da teoría cuántica da relatividade, o autor de "Breve historia do tempo" falece aos 76 anos e deixa un enorme legado como científico e divulgador da física teórica. Foi o primeiro premio Fonseca da USC e visitou en diversas ocasións Galiza. Hawking morre xusto o día, 14 de marzo, do 139 aniversario do seu mestre, Albert Einstein. VÍDEO NO INTERIOR

Aos 21 anos a Hawking -nado a 8 de xaneiro de 1942 en Oxford- foille diagnosticada unha esclerose lateral amiotrófica, enfermidade motoneuronal. O prognóstico era gravísimo. Apenas dous anos de vida. Mais sobreviviu a doenza por espazo de 55.

 

Durante todo este tempo, Hawking -seguidor das doutrinas de Einstein- revolucionou o campo da astrofísica e, nun traballo conxunto co físico matemático de Cambridge Roger Penrose (1931), concluíu que a partir da Teoría da Relatividade Xeral cabía deducir que o espazo e o tempo tiñan un principio -o big bang- e que podían ter un final -os buracos negros.

 

Hawking perseguía unha teoría que explicase a totalidade dos fenómenos físicos, unha teoría do todo, que aliase as investigacións de Einstein sobre a relatividade xeral e os principios da física cuántica estabelecidos polo alemán Max Plank (1858-1947).

 

Alén de ser un científico sempre na vangarda das investigacións máis avanzadas, Hawking dedicou boa parte dos seus desvelos á divulgación. Nese terreno asinou unha obra dun valor inconmensurábel, A Breve Historia do Tempo, volume prologado por Carl Sagan -outro nome fundamental da astrofísica do século XX-, editado en 1988 e que xa á altura de 2002 levaba 9 millóns de copias vendidas.

 

Tanto se tomou en serio o seu traballo de divulgación que acabou por ser un ícone da cultura popular, grazas aos seus aparecimentos en series de televisión como The SImpsons ou The Big Bang Theory. A súa vida foi levada ao cinema en The Reason of everything (2014, James Marsh).