Participou no Goberno de Allende e asesorou Chávez

Morre a pensadora marxista chilena Marta Harnecker

A pensadora marxista Marta Harnecker nunha imaxe de 2011. Foto: cedida.

O seu Conceptos elementais do materialismo histórico (1969) marcou varias xeracións de militantes da esquerda europea e sudamericana. É, sen dúbida, o seu libro máis popular, máis reeditado e máis lido. Con el, a pensadora marxista chilena Marta Harnecker contribuíu de maneira decisiva á formación teórica de milleiros de cadros socialistas e comunistas. Morreu este sábado, aos 82 anos de idade.
 

Mais como ensaísta adscrita ao marxismo, non só a teoría ocupou a súa vida. Participou no Goberno da Unidade Popular de Salvador Allende entre 1970 e 1973. Xa no século XXI, asesourou Hugo Chávez e apoiou, así, a Revolución Bolivariana de Venezuela. Nos últimos anos residía a medio camiño de Cuba -onde vive a súa filla- e Canadá.

O marxismo de Harnecker é debedor da corrente iniciada por Louis Althusser, de quen foi discípula a partir de 1962 en París. O cientificismo e o impacto estruturalista determinaron esa escola. Á chilena, porén, preocupáballe a pedagoxía obreira e consideraba, como Gramsci, que todo ser humano é un intelectual. Os seus famosos cadernos de educación popular marxista contribuíron á educación política de obreiros e campesiños, primeiro en Chile e despois por todo o mundo. Regresara ao seu país natal en 1968.

Despois do golpe de Estado de Pinochet apoiado polo Estados Unidos, exiliouse en Cuba.

Autora de máis de 80 libros, nunca renunciou ao pensamento revolucionario nin á tradición do movemento obreiro que entende a loita de clases como motor da historia. Preocupada polas disxuntivas contemporáneas da esquerda, no último tramo da súa obra figuran títulos como Facendo posíbel o imposíbel: a esquerda no limiar do século XXI (1999), A esquerda despois de Seattle (2002), Venezuela, militares a carón do pobo (2003), Reconstruíndo a esquerda (2008) ou Planificando desde abaixo. Unha proposta de planificación participativa descentralizada (2015).

Todo o seu traballo atópase dispoñíbel na web Rebelión.