Morre o octoxenario ferido de gravidade na explosión do seu piso en Ordes

Restos da deflagración de gas que finalmente se cobrou a vida dun octoxenario en Ordes. (Foto: César Arxina / Europa Press)
O home, de 88 anos, sufrira queimaduras de terceiro grao na metade do seu corpo.

O home de 88 anos ferido de gravidade por unha explosión de gas no seu piso de Ordes o pasado 26 de xullo faleceu esta cuarta feira após unha semana hospitalizado na unidade de Queimados do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac), onde fora trasladado en helicóptero tras o inicidente. Fontes sanitarias confirmárono hai escasos minutos.

O paciente non puido superar a gravidade das feridas, con queimaduras de terceiro grao na metade do seu corpo e con varios traumatismos debido a que caeu ao local hostaleiro situado no baixo do edificio —número 24 da rúa do Recreo—, o Café-Bar Lesta.

Esta mesma cuarta feira, horas antes de transcender o pasamento do ancián, o outro home ferido na explosión que aínda continuaba hospitalizado, de 68 anos de idade, recibiu a alta médica no Hospital Clínico de Santiago.

A fachada da vivenda foi derrubada por completo e os cascallos caeron na rúa e mesmo enriba dun vehículo aparcado aos pés do edificio. Tamén se desprendeu parte do chan, que caeu sobre o local situado na planta baixa.

Como resultado da explosión, a primeira planta quedou esnaquizada por dentro, quedando só visíbeis algúns móbeis e provocando a caída de xanelas, alén de deixar numerosos cascallos na zona, caendo tamén restos enriba de coches aparcados no lugar.

A estas dúas vítimas súmanse outra persoa que foi atendida no centro sanitario de Ordes e un cuarto ferido, un menor de 11 anos que pasaba pola zona no momento da explosión e que foi dado de alta esa mesma mañá.