Morre unha muller de 83 anos na Mariña, o segundo falecemento en tres días na Galiza

Os casos positivos por Covid-19 continúan en ascenso.
Trátase do segundo falecemento nesta semana, mentres o número de casos activos segue en aumento e sitúase, segundo os datos que vén de publicar a Consellaría de Sanidade, en 591.

Unha muller de 83 anos que estaba enferma de Covid-19 faleceu no Hospital dá Mariña na madrugada deste domingo, de acordo cos últimos datos da Consellaría de Sanidade.

Este falecemento súmase ao dunha muller de 91 anos que morreu na sexta feira no hospital de Ourense e que era unha das afectadas polo gromo de Vilar de Barrio. Foi o primeiro falecemento en case dous meses na Galiza, posto que o anterior rexistrouse o 10 de xuño.

Co da muller falecida na Mariña, unha das infectadas no gromo detectado a finais de xuño nesta comarca, son 621 o total de falecementos causados pola pandemia no territorio. Sanidade especificou que esta última vítima tiña patoloxías previas.

Casos activos de Covid-19

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 591, deles 302 son da área da Coruña, 74 da de Lugo, 41 da de Ourense, 43 da de Pontevedra, 83 da área de Vigo, 41 da de Santiago, e 7 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 2 están en UCI, 23 en unidades de hospitalización e 566 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 11.428 persoas curadas, rexistrándose 621 falecementos. O último foi o dunha muller de 83 anos que estaba ingresada no hospital da Mariña. Tiña patoloxías previas.