Morre Meilán Gil, político de longa traxectoria, primeiro reitor da UDC e referente do Opus Dei

José Luis Meilán Gil

Non se pode historiar a política das últimas 4 décadas na Galiza sen ter en conta as achegas de José Luis Meilán Gil, falecido esta terza feira na Coruña aos 84 anos.

Nunca deixou de exercer influencia sobre a política galega -desde unha perspectiva conservadora e confesional -como unha das principais cabezas do Opus Dei na Galiza- embora a abandonase formalmente en 1982, após o naufraxio da UCD. As súas achegas máis valiosas prodúcense no período posterior á morte do ditador Francisco Franco, cando anima a criación do Partido Galego Independente, unha formación que se acabaría integrando na UCD -unha estrutura política orquestrada a partir dos vellos aparatos da ditadura- e que, desaparecida aquela, participaría na constitución de Coalición Galega.

 

Meilán Gil defendeu naquela época a consideración de Galiza como nacionalidade histórica, desde o seu escano no Congreso dos Deputados. O seu papel na redacción da Constitución de 1978 foi relevante, até o ponto de ser nomeado Secretario de Estado para o Desenvolvimento Constitucional. Pulou por que Galiza accedese á autonomía pola denominada vía rápida, ao defender a súa equiparación con Catalunya e Euskadi por ter plebiscitado o Estatuto de Autonomía en 1936, menos dun mes antes de os fascistas se levantaren contra a República. Participou tamén na asemblea de parlamentares que redixiron o Estatuto aínda vixente no noso país.

 

Fóra da política, a súa dedicación principal foi a académica e en 1990 -após o goberno tripartito encabezado por Fernando González Laxe (PSdeG) impulsar a criación das universidades de A Coruña e Vigo- convértese no primeiro reitor do campus coruñés, cargo que detentou durante 13 anos. Meilán deixa bastante obra escrita, porén o seu carácter referencial para amplos sectores da dereita galega ten máis a ver coa súa personalidade como figura central do Opus Dei na Galiza do que coa súa produción ensaística.