Morre a lenda do boxeo e dos dereitos civís da populación negra Mohammed Ali

[Imaxe: Wikipedia] Mohamed Ali en 1966

Icona do boxeo a nivel mundial e activista dos dereitos civís da populación negra, Mohammed Ali finou na noite da sexta feira aos 74 anos nun hospital de Phoenix (Arizona).

Considerado o boxeador con máis sona do mundo, o triplo campión do pesos pesados naceu en 1942 en Louisville (Kentucky, EUA) como Cassius Clay. Elixiu o nome de Mohammed Ali posteriormente, cando se converteu ao islam. A loita de Mohamed Ali non só tivo lugar no ring –de onde se retirou cunha conta de 56 vitorias e 5 derrotas-. Tamén se produciu no ámbito do activismo social.

A vida de Ali, un dos mellores deportistas a nivel mundial, foi unha constante batalla contra as inxustizas dun país no que o racismo era a tónica. O clima de hostilidade dos ultraconservadores contra Mohammed Ali incrementouse após coñecerse que renunciaba a entrar no exército e dado o seu labor en defensa dos dereitos civís da populación negra.

O non á guerra do Vietnam: Sen título e sen licenza

Mohammed Ali foi desposuído do título de campión do mundo dos grandes pesos en 1967 por negarse ao recrutamento obrigatorio no exército estadounidense cando os EUA estaban involucrados na guerra do Vietnam. O boxeador aduciu daquela que “ningún vietcong me chamou nigger” (termo pexorativo para nomear unha persoa negra). Como resultado, amais de quitarlle o título, foi desposuído da licenza para boxear.

Nos sesenta, a sociedade dos EUA, dividida fronte ao Vietnam, dividiuse tamén fronte ao caso Ali, entre partidarios e detractores. Porén, o ostracismo ao que foi condenado non lle custou a carreira.

En 1984, tres anos após colgar as luvas, foille diagnosticado párkinson, enfermidade que acabou por deteriorar a súa saúde até a morte.