Morre Kate Millett, pioneira da segunda vaga feminista

Kate Millett. Foto cedida

A autora do fundamental Política sexual (Sexual Politics, 1970) morreu a pasada cuarta feira aos 82 anos de idade. Pioneira da denominada segunda vaga do feminismo, aquela que se iniciou nos anos sesenta en Estados Unidos e que na teoría partiu de lecturas radicalizadas de O segundo sexo de Simone de Beauvoir, Kate Millett revolveu a crítica da ideoloxía patriarcal ao considerar o sexo "unha categoría social impreganda de política".
 

Pensadora e militante, a estadounidense -que nacera en Minnesota- fixo parte da Organización Nacional de Mulleres (NOW, polas siglas en inglés) e contra finais da década convulsa de 1960 das Mulleres Radicais de Nova York. Foi unha das feministas que insistiu na reapropiación do concepto de "xénero" e insistiu na dimensión construída e histórica do patriarcado e as súas relacións de poder, da que se deriva a posibildade da súa demolición política e social.

 

Amais de Política sexual, escribiu, entre outros, a autobiografía Voando (Flying, 1971) ou o ensaio As políticas da crueldade: un ensaio sobre a literatura das presas políticas (The Politics of Cruelty, 1993).