Morre un dos dous feridos no incendio xerado pola deflagración dunha rozadora en Carnota

Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza. (Foto: Xunta)
A muller que tamén resultou ferida de gravidade continúa ingresada no Chuac da Coruña.

Unha das dúas persoas feridas no incendio xerado pola deflagración dunha máquina rozadora en Carnota (comarca de Muros) faleceu ao mediodía desta terza feira mentres estaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac). Mentres tanto, a muller continúa ingresada e en estado grave, segundo informan fontes sanitarias citadas pola axencia Europa Press.

A central de emerxencias do 112-Galiza tivo constancia dos feitos cando un particular chamaba a falta de 15 minutos das 21 horas da noite da segunda feira para alertar de que había lume nunha casa da parroquia de Lira. Ademais, confirmaba que no seu interior había dúas persoas. Así, a central de emerxencias solicitou a colaboración de Urxencias Sanitarias-061, dos bombeiros de Cee, do GES de Muros, da Garda Civil, da Policía Local de Carnota e de Protección Civil de Cee.

Á súa chegada, os efectivos comprobaron que un veciño conseguira sacar unha das persoas afectadas, o home que horas máis tarde falecía no Chuac. No entanto, no interior aínda quedaba unha muller que se refuxiou das chamas nunha das habitacións superiores e que, finalmente, foi rescatada polos membros do GES.

Unha vez ambos os implicados foron atendidos polos sanitarios, os organismos informaron ao 112 de que as queimaduras sufridas se debían a unha deflagración por gasolina cando manipulaban unha rozadora.

As vítimas foron trasladadas ao Hospital Virxe da Xunqueira de Cee, mais debido á gravidade das lesións que presentaban acabaron ingresando na unidade de queimados do Chuac coruñés.

O lume, que se encargou de apagar o GES de Muros, afectou a entrada da vivenda e a habitación na que se refuxiou a muller.