Morre o cura Benigno Moure, presidente da Fundación San Rosendo e condenado por estafa
O sacerdote Benigno Moure faleceu na madrugada desta segunda feira en Ourense aos 92 anos. O cura presidía a polémica Fundación San Rosendo e foi condenado a cinco anos de cárcere por un delito continuado de apropiación indebida da herdanza dunha muller incapacitada que estaba ingresada nun dos centros xeriátricos da entidade que el mesmo presidía. Foi o Tribunal Supremo quen ratificou a sentenza até facela firme.
Os apoios políticos de Moure dentro do PP, e nomeadamente o da familia Baltar, valéronlle que no ano 2011 fora convocada mesmo unha manifestación para que o cura condenado en firme por estafa non ingresase no cárcere.
Finalmente, Moure pasou pola prisión do Pereiro de Aguiar (comarca de Ourense) durante dous meses. Saíu de prisión levando unha pulseira magnética para garantir que pernoctase na súa vivenda. Un ano despois retiráronlle o terceiro grao e a pulseira e quedou en liberdade fronte ás protestas da familia da anciá que estafou. A pesar da súa condena, Moure foi distinguido coa Medalla Castelao, concedida durante os gobernos de Manuel Fraga "polo seu labor social en beneficio da Galiza". Tamén recibiu a Medalla de Ouro e Fillo Predilecto do Concello de Arnoia e a Medalla de Prata da Galiza, outorgada pola Xunta da Galiza "en recoñecemento á Fundación San Rosendo".
A Fundación San Rosendo é o segundo operador de servizos de xeriatría da Galiza. A entidade emprega máis de 1.670 persoas, dispón dun orzamento de 53,8 millóns de euros, declara 3.600 prazas asistenciais e conta con 67 centros, a maioría deles na contorna de Ourense, onde xorde o grupo baixo o patrocinio do bispado e o impulso do crego Benigno Moure. A realidade da Fundación San Rosendo non se explica sen a relación de apoio mutuo co Partido Popular, e moi particularmente co clan Baltar.
José Luís Gavela Varela, presidente da entidade, non esconde a súa proximidade coa familia Baltar. Así, en xuño de 2012 é unha das persoas que toma a palabra na homenaxe a José Luís Baltar decorrida en Expourense, coa participación de máis de 3.000 persoas. O arquitecto Luís Antonio Chao Gómez é directivo da fundación desde a súa constitución e unha das persoas de máxima confianza de Benigno Moure. Foi candidato de Alianza Popular ao Congreso, concelleiro deste partido en Ourense e senador en varias lexislaturas durante a década dos 90 nas filas do Partido Popular.
O escándalo acompaña a Fundación San Rosendo desde a súa constitución. En 2008, o agora falecido Benigno Moure, presidente e impulsor da entidade, é condenado a cinco anos de prisión por apropiación indebida. O tribunal considera probado que entre 1998 e 2001 engana unha muller con alzheimer ingresada nunha das súas residencias, até arrebatarlle 573.673 euros e traspasar á Fundación San Rosendo a titularidade dunhas 60 propiedades.