Morre un condutor de 60 anos ao saírse da vía na A-55 ao seu paso polo Porriño

Lugar do sinistro, na A-55 ao seu paso polo Porriño. (Foto: Garda Civil)
En Vila de Cruces, por outra parte, foi localizado un veciño que sufrira outro sinistro na tarde desta segunda feira e que estaba desaparecido.

Un condutor de 60 anos de idade faleceu na mañá desta terza feira ao sufrir unha saída de vía co seu vehículo cando circulaba pola autovía A-55 ao seu paso polo Porriño, na comarca de Vigo. O sinistro produciuse minutos antes das 8 horas no punto quilométrico 22,500, na parroquia de San Salvador de Budiño, segundo informou o CIAE 112-Galiza.

A consecuencia do accidente, a vítima quedou atrapada no interior do seu coche, que se saíu da vía e acabou envorcado após impactar contra a varanda. Unha vez liberado polos bombeiros do Porriño, os servizos sanitarios desprazados ao lugar certificaron a morte do único ocupante do coche, un home de 60 anos natural de Portugal.

Até o lugar tamén se mobilizaron axentes da Garda Civil de Tráfico, Policía Local e voluntarios de Protección Civil, así como membros dos servizos de mantemento de estradas. O accidente provocou problemas de circulación na zona, xa que o coche sinistrado está pendente de ser retirado.

Localizan un veciño de Vila de Cruces que sufrira outro sinistro

Aliás, un particular localizou un veciño de Vila de Cruces (Deza) de avanzada idade e que faltaba da súa casa desde esta segunda feira, logo de que sufrise un accidente de tráfico. Segundo trasladou o CIAE, á primeira hora da mañá desta terza un particular alertou a Emerxencias de que un dos seus familiares faltaba da súa vivenda no lugar de Fontarcada desde o día anterior, cando saíra co seu vehículo.

Este familiar mantiña contacto telefónico co desaparecido, pero este non respondía de forma clara ás súas preguntas e parecía desorientado. Ante esta situación, o 112 avisou á Garda Civil, 061, GES e Protección Civil. O propio desaparecido contactou tamén con Emerxencias, para confirmar que sufrira unha saída de vía co seu coche na tarde da segunda feira e que tiña dor nos xeonllos.

Efectivos da Garda Civil localizaron o coche sinistrado, que se precipitou por un desnivel de varios metros, mentres o home, que mantivo o contacto telefónico co 112, foi atopado por un particular cando ía camiñando perto do seu domicilio de Fontarcada.

Tres feridos nunha saída de vía en Guntín e un accidente dun coche contra un muro na Pobra

Por outra parte, tres persoas resultaron feridas en dous accidentes de circulación rexistrados na madrugada desta terza feira nos municipios da Pobra do Caramiñal (Barbanza) e Guntín (Lugo). O primeiro dos sinistros tivo lugar na localidade do Barbanza ás 00.30 horas, cando un vehículo no que viaxaban dúas persoas impactou contra un muro na rúa Fernández Varela. Ambos os ocupantes resultaron feridos e tiveron que ser evacuados ao Hospital do Barbanza polos profesionais de Urxencias Sanitarias-061.

Cinco horas despois, ás 5.30 horas, a central de emerxencias do 112 recibiu unha chamada dun condutor que pedía socorro após sufrir un accidente na estrada N-540 e ser incapaz de abandonar polos seus propios medios o interior do seu vehículo, que se atopaba nunha zona de vexetación. Os bombeiros de Chantada e o GES de Monterroso lograron abrirse paso até acceder ao lugar para liberar ao condutor, que foi trasladado en ambulancia ao hospital cun impacto na zona lumbar.