Economía circular

O Morrazo produce 85 toneladas de compost

Composteiro
Até 250 toneladas de bio residuos foron xestionadas nos centros de compostaxe comunitaria do Morrazo desde que en 2016 se puxo en marcha o primeiro composteiro da comarca. Agora xa son nove e a calidade do compost que producen ten a maior cualificación dentro dos parámetros esixidos pola Unión Europea.

Os nove composteiros cos que contan os concellos da comarca do Morrazo produciron desde que se comezaron a implantar en 2016 até hoxe máis de 85 toneladas de compost, xestionando até 250 toneladas de bio residuos.

Estes centros de compostaxe comunitaria están enmarcados dentro do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, institución que a sexta feira 23 de agosto participou en Cangas por medio “das e dos mestres composteiros” nas Xornadas Etnográficas do Morrazo dando a coñecer as vantaxes da compostaxe como modelo de xestión do lixo, ambientalmente sustentábel e máis económico que o actual.

Actualmente hai nove composteiros comunitarios activos na comarca

Actualmente hai nove composteiros comunitarios activos na comarca. Dous deles están instalados no Concello de Bueu, un desde 2016 e outros desde 2017. Ambos os dous trataron xa arredor de 72 toneladas de bio residuos, é dicir, de lixo orgánico da veciñanza da zona como son restos de comida e vexetais, así como restos de fracción vexetal resultantes das podas.

Estes residuos foron tratados in situ baixo a vixilancia das mestras e mestras composteiras

Estes residuos foron tratados in situ baixo a vixilancia das mestras e mestras composteiras até que se converteron en compost e, por tanto, detraéronse dos colectores verdes e non tiveron que ser enviados a Sogama.

O resultado foi a produción de aproximadamente unhas 25 toneladas de compost groso, das que unha parte quedou en bruto para fertilizar xardíns e fincas e outra pasou pola peneira para obter compost máis fino para ser utilizado en macetas pequenas.

En Bueu o resultado foi a produción de 25 toneladas de compost groso, das que unha parte quedou en bruto para fertilizar xardíns e fincas

En Cangas a veciñanza ten a disposición tres centros de compostaxe comunitaria desde outubro de 2016. Estes composteiros levan tratadas máis de 116 toneladas de bio residuos e producidas arredor de 39 toneladas de compost, que tamén se repartiron entre a veciñanza e os servizos municipais para o coidado dos xardíns públicos.

En Moaña existen outros catro centros de compostaxe comunitaria. Os máis antigos foron instalados en xullo de 2016 e contan cunha grande participación social e incluso unha horta urbana posta en marcha de forma paralela. Esta boa acollida levou ao Concello a aumentar o número de composteiros, instalando un de grandes dimensións na rúa Daniel Castelao, que conta con dez módulos, en febreiro deste ano, e outro no CEIP Reibón no mes de abril. O persoal técnico da deputación leva xestionado en Moaña unhas 65 toneladas de bio residuos que supuxeron a produción dunhas 22 toneladas de compost sen cribar.

Converteren os restos da comida e vexetais nun recurso para producir compost e fertilizar a terra

Ademais de converteren os restos da comida e vexetais nun recurso para producir o compost e fertilizar a terra, co beneficio ambiental que implica, os composteiros tamén teñen unha vantaxe económica para as arcas municipais, xa que non deixa de ser preciso recoller o lixo orgánico, aforrándose así os custos dos camións e non hai que trasladar lixo a Sogama, aforrando o custo de transporte e incineración.

O composte producido ten a maior cualificación dentro dos parámetros esixidos pola Unión Europea

As mestras composteiras tamén sinalaron durante as xornadas que a calidade do compost que se produce nos centros de compostaxe comunitaria implantados pola Deputación de Pontevedra é moi alta, tendo a maior cualificación dentro dos parámetros esixidos pola Unión Europea. Subliñaron ademais que periodicamente se realizan analíticas e que os datos se cargan nunha exclusiva aplicación móbil de maneira telemática para que a deputación centralice os datos de todos os centros de compostaxe, seguindo o seu funcionamento e garantindo a trazabilidade dos lotes de compost producidos.