A moratoria do Plan forestal crea un aumento na plantación de eucaliptos

Mobilización Adega
Adega denuncia o aumento de plantacións legais e ilegais desta especie sobre todo nas comarcas de Terra Cha, Quiroga, Terra de Lemos e Chantada.

Unhas horas despois de aprobar un novo Plan forestal galego, o pasado 25 de febreiro, a Xunta da Galiza anunciaba unha moratoria pola que se permitirán unicamente replantacións con eucalipto en territorios onde xa estaba esta especie. 

Esta moratoria “ficticia”, segundo a cualifica a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza, “a día de hoxe non está a ter unha aplicación efectiva porque carece de regulamento e de orzamento” o que está a producir “un efecto rebote que está a intensificar e acelerar as plantacións ilegas e legais de eucaliptos para ocupar a máxima superficie posíbel antes de que se faga efectiva”, denuncia a asociación. 

Os ecoloxistas aseguran que as plantacións de eucaliptos están a aumentar de xeito significativo “na contorna da cidade de Lugo e nas comarcas de Terra Cha, Quiroga, Terra de Lemos e Chantada”. Alén, tamén afirman que estas son “manifestas polo volume de traballo das empresas do sector que están traballando nas plantacións até de noite”. 

Unha moratoria que “chega tarde”

Adega sinala que a moratoria anuncia pola Xunta “chega tarde, mal e arrastro” e que “pretende presentar o anuncio como unha vangarda dunha política forestal ‘sostíbel’ despois de rexeitar as iniciativas que temos levado a cabo desde a asociación”. 

Paro os ecoloxistas “esta moratoria chega cando a expansión do eucalipto na Galiza está descontrolada e ocupa preto de 600.000 hectáreas, máis do duplo da superficie máxima recollida no Plan Forestal”. 

A maioría das denuncias que os ecoloxistas levan feito sobre a cantidade de plantacións ilegais de eucalipto “son arquivadas pola Xusta sen xustificación aparente”, aseveran Adega.

Nova lei de residuos

Pola súa banda, a asociación Amigos da Terra, ven de denunciar que a nova lei de residuos “é imposíbel de cumprir en canto aos seus obxectivos xa que estes marcan a reciclaxe do 50% dos residuos para 2025 cando a día de hoxe a taxa está en torno aos 20%”.

Alén, sinalan que as administracións deberían “pór en marcha medidas que minimicen a xeración de residuos incinerados” como resposta ao anuncio da empresa Sogama. Esta publicou a súa necesidade de construír outro vertedoiro para as escouras pola saturación do actual vertedoiro. Algo que desde a asociación cualifica de “previsíbel cando 46,6% da totalidade dos residuos son destinados á incineración”.