Montserrat González, nova presidenta de Asocim: "O rural carece de servizos para atender e apoiar as mulleres"

González centrará o seu traballo na asociación na mellora laboral das profesionais dos CIM.
A avogada Montserrat González, directora do Centro de Información á Muller (CIM) de Bueu, acaba de asumir a presidencia da Asociación de Profesionais dos CIM da Galiza, Asocim, coa defensa dos postos de traballo e a mellora das condicións laborais como prioridade e requisito básico para prestar  un servizo "digno"  ás usuarias.

Que retos se marca para esta etapa á fronte da Asocim?

Os obxectivos pasan por reclamar a mellora laboral das profesionais dos CIM, que é o motivo polo que se constituíu a asociación. Para este ano, temos tres liñas mestras que pasan, en primeiro lugar, polo reforzo dos centros que existen ao longo da xeografía galega para dotalos dun persoal suficiente que permita facer fronte ás demandas. A segunda, que se creen novos centros, especialmente no interior, áreas de dispersión rural onde non existen servizos para apoiar, informar e atender as mulleres como merecen. Por último, reclamamos unha formación de calidade, porque se ben é certo que todos os axentes sociais que interveñen no ámbito da violencia sobre a muller necesitan moita formación, as que estamos no día a día, aínda máis.

Cales son eses servizos que cobren os CIM?

A nosa prioridade, como marca o decreto que regula estes centros, é atender as vítimas de violencia de xénero, sexa cal sexa o lugar onde estean empadroadas e a súa situación, e tamén menores que formen parte da súa unidade familiar e persoas dependentes delas. Isto pode dar xa unha idea da sobrecarga dun CIM. E aínda que a atención ás usuarias é o espírito de centro, non é o único labor, senón que facemos campañas de sensibilización, de prevención, traballo con centros educativos… 

Que consecuencias ten esa sobrecarga?

Profesionais que, coma min, levan moitos anos nos CIM –algúns funcionan, baixo outra denominación, desde hai máis de 20 anos– séntense vítimas da chamada síndrome de Burnout, de esgotamento crónico. Enfróntaste cada día a unha gran cantidade de traxedias, onde ás veces non podes facer moito, ou nada, e a situación vaiche afectando moitísimo. 

De que persoal dispoñen?

O decreto pauta un mínimo de dúas profesionais, avogada e psicóloga, mais a directora, cuxo posto é compatíbel cun dos anteriores. Así estamos na maioría dos centros galegos, onde  a directora, ou é a avogada ou a psicóloga, o que lle resta tempo para atención. 

Ademais de incrementar o persoal, habería que ampliar os perfís profesionais?

Si. O que marca como mínimo o decreto é que haxa unha avogada e unha psicóloga. Nin sequera obriga a ter administrativa, o que resulta impensábel para o volume de traballo. Non é admisíbel que unha profesional estea atendendo unha muller e estean entrando persoas pola porta a pedir cita, ou teña que contestar chamadas. É unha falta de respecto a esta usuaria, e deriva da negativa a incluír esa figura como obrigatoria cando se fixo a reforma do decreto en 2016. A partir dese mínimo, dado que o servizo é municipal, haberá que incluír diñeiro nos Orzamentos e contratar o persoal que se estime oportuno.

Hai diferenzas entre os diferentes centros na Galiza?

Hai centros máis grandes, os das cidades, que teñen máis perfís. Podes ter o que queiras sempre que o pagues. Habería que ter un diálogo coa Xunta, que é a que financia a través do Fondo Social Europeo, e agora que se están repartindo fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, chegar a acordos para reforzar os servizos.

E no funcionamento, existen diferenzas entre un CIM nunha cidade e un no rural?

A problemática nas cidades é que precisan máis profesionais porque atenden moita poboación. En Ourense, por exemplo, teñen unha lista de espera de dous meses. No rural, o problema é que hai moi poucos centros. Habería que crealos, cunha certa racionalidade, porque as mulleres que viven illadas non teñen a onde acudir. En moitos casos, nin sequera coñecen que existe un servizo que as apoia, que pode tramitar axudas… E noutros, aínda que quixesen, para usalo terían que desprazarse un montón de quilómetros.

Teñen cuantificados cantos CIM serían necesarios?

Depende moito dos territorios.  O gran problema está no interior. Galiza ten 313 concellos e os CIM que existen unicamente cobren 177, ben de forma individualizada, agrupada ou mesmo mancomunada. Somos 84 centros para 177 municipios. Pero, que pasa cos 135 restantes?