Montse Prado

"Nunca un goberno desfixo tanto en tan pouco tempo"

Montse Prado

No Venhan Máis Cinco  falamos este sábado con Montse Prado, membro da Executiva Nacional do BNG e deputada no Parlamento Galego.

-Como avalías o estado actual da sanidade galega?

 

-O PP está a practicar unha política de recortes e demolición da sanidade pública, mentras aumenta os recursos destinados á privada. Coa crise como excusa, foron efectivizando o que é unha escolla ideolóxica, decidida polos poderes económicos, de converter os servizos públicos en nicho de negocio.

 

Este proceso non é recente, a decisión foi tomada hai varias décadas e efectivizada de xeito paulatino. As regras do xogo foron definidas e deseñadas polos que non se presentan ás eleccións, polo poder económico, e logo efectivizadas fidelmente, de xeito escalonado, polos gobernos ao seu servizo.

 

O Goberno galego do PP, de Feixóo, actúa obedientemente ao servizo destes intereses: descapitalizar o sistema público, facilitar ás empresas privadas a provisión de servizos con diñeiro público a través das derivacións, concertos e externalizacións, paralelamente ao deterioro da sanidade pública.

 

As regras do xogo foron definidas e deseñadas polos que non se presentan ás eleccións, polo poder económico
 

 

Durante os últimos anos, o PP, con Nuñez Feijoo á cabeza, impulsou todo tipo de medidas que afondan no desmantelamento da sanidade pública, redución de orzamentos, eliminación de máis de 2.000 profesionais, redución de case 600 camas, privatización masiva de servizos, repagamento de medicamentos...

 

A Xunta entregou xa a empresas privadas -na súa maioría multinacionais, algunha vinculada a fondos financeiros- empresas de fóra de Galiza unha considerábel parte dos servizos estratéxicos do Sergas, electromedicina, a plataforma loxística, cociñas e lavanderías, alta tecnoloxía, laboratorios...

 

Os recortes teñen unha gravísima repercusión na prestación dos servizos sanitarios, no deterioro asistencial: peche de camas, colapsos de urxencias, sobrecarga laboral d@s traballador@s, aumento das listas de espera, non dispensación de tratamentos a persoas con doenzas graves como os de hepatite c ou oncolóxicas Os colectivos máis vulnerábeis, como son @s pensionistas ou unha gran porcentaxe da clase traballadora con salarios precarios, están a sufrir máis cruelmente as consecuencias dos copagos e da exclusión de fármacos do catálogo de prestacións farmacéuticas.

 

Nunca un goberno desfixo tanto en tan pouco tempo, fixo tanto dano á sanidade pública e @s usuari@s.

 

-Que evolución agardas da sanidade galega a cinco anos vista?
 

 

-Precísase un cambio total de rumbo, porque facendo o mesmo, repetindo o mesmo, non parece moi intelixente pensar que se poidan obter resultados distintos.

 

A sanidade pública de Galiza precisa un goberno que exerza de tal, que poña por diante o dereito á saúde d@s galeg@s,  e non sexa executor dos intereses dos que fan caixa a costa da enfermidade.

 

Galiza, e a sanidade pública galega, precisa un goberno que esixa un financiamento xusto, un concerto económico onde @s galeg@s nos autorresponsabilicemos dos ingresos e dos gastos, que decidamos nós que facer cos nosos recursos. Unha sanidade financiada a través dun sistema impositivo xusto, onde pague máis quen máis diñeiro tiver e non quen máis enferm@ estexa.

 

Fago votos para que Sermos colla máis impulso

Unha sanidade planificada en función das necesidades da cidadanía e non das empresas contratistas da saúde privada, que conte coa participación tanto da cidadanía coma d@s profesionais.
 

-Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar?

 

-Os medios de comunicación non só informan ou entreteñen, tamén transmiten símbolos, representacións, constrúen referentes e contribúen á construción da identidade colectiva.

 

Fago votos para que Sermos colla máis impulso e se consolide como un instrumento para a protección e difusión da cultura e da língua galega, e dunha información veraz, plural e obxectiva. Para que contribúa dun xeito determinante á existencia dun espazo de comunicación galego en galego, desde a nosa realidade. Un espazo onde Galiza sexa o centro de referencia e de análise.