Entrevista

Montse Porteiro, coordinadora da plataforma sanitaria da Mariña: "É desolador o que acontece coa sanidade pública nesta comarca"

A enfermeira e coordinadora da plataforma, Montse Porteiro, no centro de saúde de Viveiro. (Foto: Nós Diario)
A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña convocou unha concentración ante o centro de saúde de Viveiro a vindeira quinta feira, 15 de maio, ás 11.30 horas en protesta pola situación sanitaria do municipio e de toda a comarca. A súa coordinadora, Montse Porteiro, explica a 'Nós Diario' as razóns que levan a veciñanza a mobilizarse.

—Cales son as principais demandas da plataforma no caso concreto de Viveiro?
A situación varía segundo o día e a semana. Agora mesmo faltan cinco médicos de familia dos 11 que ten que haber, case a metade. Ademais, o servizo de Pediatría segue igual, con só 50% dos profesionais que precisa. Por este motivo, hai persoas que solicitan cita para que os vexa o seu médico e teñen que agardar 20 días ou máis. O lóxico para unha consulta ordinaria que cumpra os estándares de calidade na Atención Primaria serían, como máximo, 48 horas. E no caso de sexa algo urxente non debería exceder das 24 horas. O que acontece resúmese cunha palabra: desolación.

—Como afronta a poboación esta situación?
A xente está indignada. Cando necesitas que te vexa o médico de familia e tardan tanto é para indignarse, presentar reclamacións e saír á rúa a protestar. As persoas que teñen medios económicos acoden ás clínicas privadas. De feito, as que hai na comarca están aumentando o número de pacientes. En Viveiro, por exemplo, había unha clínica pequena que agora está en mans da multinacional Ribera. Isto é sinal de que hai un negocio.

—Outro dos centros de saúde que leva máis dun ano de protestas é o do Vicedo. Como está a situación nestoutro municipio?
A súa dotación é de dous médicos de familia, un deles conseguido despois de moitos meses de mobilización. O caso é que moitos días da semana non hai ningún por desprazalos a Viveiro para encher ocos. Son todo parches mal cosidos. Iso si, sabemos que os días previos á manifestación cobren algunhas prazas. Non sabemos de onde saen, supoño que doutros centros de saúde que prolongan a súa xornada laboral.  

—Cal é a situación nas especialidades sanitarias que se derivan desde Viveiro e o resto da comarca ao Hospital de Burela e mais ao de Lugo?
Se pasas polo HULA (Lugo), a maior parte das persoas que se atenden ou están ingresadas son da Mariña. As listas de agarda oficiais están falseadas: se hai 300 días para que te atendan en Cardioloxía en realidade son máis. Cando pides a cita din que “xa te chamarán” e quedas sen incluír na lista de agarda. Entras nela despois, cando che dan un día para que vaias. En realidade, hai xente que leva anos esperando.

Ademais, en Burela temos un cardiólogo, no lugar dos tres que deberían estar. O mesmo acontece con Uroloxía: temos unha e non tres; igual que o patólogo, que, ademais, non está a xornada completa. Un caso especial é o da saúde mental, xa que por ter unha porcentaxe por habitantes moi inferior ao resto da Galiza e do Estado temos menos profesionais.

—E a Consellaría que di?
Di que non hai médicos. Claro, marcharon cara a outras comunidades [autónomas] ou á sanidade privada con contratos tan suculentos e polo trato e a inestabilidade que teñen aquí...