Montes veciñais, grandes reservas de CO2

A loita contra o cambio climático pasa pola capacidade dos bosques e das masas forestais para captar CO2.
As comunidades de montes piden maior recoñecemento e compensación para a súa xestión das masas forestais ao tempo que reclaman unha revisión profunda dos fundamentos do decreto estatal que regula o rexistro de pegada de carbono, compensación e proxectos de absorción de CO2.

O secuestro de dióxido de carbono (CO2) é unha das estratexias contempladas a nivel mundial para diminuír a contaminación atmosférica. Existen outras, como a redución da enerxía que consumimos ou a proliferación de fontes enerxéticas renovábeis, que non emiten ou emiten pouco CO2. 

O uso xeneralizado de combustíbeis fósiles desde o inicio da revolución industrial elevou as emisións de gases de efecto invernadoiro até cotas insostíbeis. A dependencia da combustión de carbón, petróleo e gas agravouse co paso do tempo até se converter nunha das principais responsábeis do cambio climático actual.

Secuestradores de CO2

A comunidade experta recoñece os ecosistemas forestais como unhas das maiores reservas de carbono. Teñen a capacidade de absorbelo de forma natural a través da fotosíntese e de fixalo en grandes cantidades en forma de materia orgánica.

O rexistro estatal penaliza a boa xestión de masas forestais e favorece os montes queimados polo lume

Este potencial secuestrador figura nas condicións estabelecidas polo Goberno estatal no Rexistro de pegada de carbono, compensación e proxectos de captura de CO2 no que se poden inscribir organizacións comprometidas coa redución das emisións de gases á atmosfera. Mais non nos termos que considera urxentes a Organización Galega de Comunidades de Montes, cuxas demandas veñen de ser atendidas pola Dirección Xeral da Acción Climática da Unión Europea.

A entidade denuncia que o rexistro estatal penaliza a boa xestión de masas forestais e favorece os montes queimados polo lume, polo que insta o Ministerio para a Transición Ecolóxica a adoptar "sen demora" os criterios da UE, que inclúe as terras forestais xestionadas no rexistro de secuestradores de CO2 até o ano 2030.

Regresión agraria 

"O decreto estatal, en vigor desde 2014, só permite a inscrición no rexistro de captura e compensación de CO2 aquelas masas procedentes dun cambio de uso do terreo cara ao forestal e as plantacións en zonas arrasadas polo lume desde 2013", explica a Nós Diario Xosé Alfredo Pereira, presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes. "E parécenos impresentábel, porque con estes requisitos o que se fai é potenciar a regresión das terras agrarias, cando Galiza xa é o territorio da UE con menos superficie útil, e alentar a industria do lume. Pola contra, exclúen e privan de compensación os montes veciñais e as masas forestais ben xestionadas no mundo rural".

Agravio para o rural

Ante a falta de reacción na Galiza e "o agravio para o país destas condicións", as comunidades de montes dirixiron cadanseu escrito á Oficina Española do Cambio Climático mais á Dirección Xeral de Acción climática da UE para solicitar a inclusión das plantacións e repoboacións en terreos forestais no rexistro de secuestradores de CO2.

Habería que modificar as condicións que premian a reforestación das terras agrícolas mais das queimadas polo lume

A resposta da oficina europea, a única, polo momento, atende a demanda da entidade galega. "Pero non estamos de todo contentos porque ademais de incluír as masas boscosas ben xestionadas no rexistro de captadoras de CO2 habería que modificar as condicións que premian a reforestación das terras agrícolas e das queimadas polo lume, os únicos que até o momento reciben compensación", incide Xosé Alfredo Pereira.

Pagar para contaminar 

A inscrición no rexistro estatal á que aspiran os montes veciñais permitiralles negociar "coas empresas que queiran comprar bonos de CO2 para seguir contaminando, unha filosofía que tamén criticamos, por perigosa. Non debera ser, pero é o que temos. E este logro é un paso adiante que ademais de abrir un debate necesario permite pór o foco na función social e medioambiental dos montes veciñais", conclúe Pereira.