Sanidade

Persoal médico critica o fechamento de 125 camas en Pontevedra e O Salnés

Urxencias do Hospital de Montecelo. (Foto: Nós Diario)
A CESM Galiza urxe á xerencia un "cambio de estratexia" e pide que cese na súa "resistencia numantina".

Os centros sanitarios continúan saturados por mor da combinación de dous factores que se dan na Galiza coa chegada do verán: a falta de efectivos, por mor das vacacións que boa parte das veces non se cobren, e o aumento da poboación nas cidades e municipios costeiros polo turimso.

O persoal médico das Urxencias de Montecelo, en Pontevedra, leva tempo advertindo da sobrecarga de traballo que padece e que dificulta a prestación do servizo de forma axeitada.

Así, a Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) na Galiza informa na mañá desta sexta feira, como vén sendo habitual cada día nas últimas semanas, da situación na que se atopan as Urxencias: ás 9 horas quedaban aínda 23 pacientes pendentes dunha cama, un deles positivo en Covid-19.

E dun modo semellante rematou a maratoniana xornada da quinta feira, xa que contra as 15 horas había 27 persoas doentes agardando seren ingresadas, o que provocou que se chegasen a esgotar as padiolas dispoñíbeis. Chegada a noite, arredor das 21 horas, aínda quedaban 21 pacientes.

Ás 9 horas desta sexta feira había 23 pacientes sen cama asignada, un deles con Covid-19

Desde a CESM critican que a xerencia da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés "segue no propósito de fechar camas no que queda de verán": 64 no Hospital Provincial —alén doutras nove a maiores na planta de lactantes que se fecharon no inicio da pandemia— e 28 en Montecelo.

E outro tanto do mesmo acontece no Hospital do Salnés, onde, indican, xa foron fechadas 24 camas, polo que o cómputo global ascende a 125 espazos de hospitalización fechados.

Isto acontece, advirten, nun contexto de incremento xeneralizado de casos da Covid-19 —"achegándose ás cifras da segunda vaga"—, cando tamén medra a presión asistencial pola "chegada de turistas" e máis polo "colapso da Atención Primaria", un servizo no que "non hai profesionais suficientes".

En consecuencia, desde a CESM urxen á xerencia un "cambio de estratexia" ante a súa "resistencia numantina". "Sexa humilde e rectifique, señor xerente. Lembre que os numantinos, aínda que valentes, morreron todos. Non force o sistema máis porque se o fai os pacientes reclamaranllo", sentencian.