Monte Vivo, a custodia do territorio desde a escola

Alumnado do IES Ponte Candelas traballa no monte veciñal cada mes de novembro. (Foto: Nós Diario).
Monte Vivo é un proxecto educativo multidisciplinar que ten a súa orixe nos incendios de 2017 na contorna do IES Ponte Caldelas, situado no concello homónimo (comarca de Pontevedra). Coincidindo coa renovación do convenio que lle dá continuidade, a iniciativa vén de recibir o Premio Innovagal de innovación educativa que concede a Consellaría de Cultura e Educación.

A madrugada do 16 de outubro de 2017 o fogo cercou a contorna urbana de Ponte Caldelas. Oito focos de lume rodearon a gran velocidade as casas e a veciñanza de máis dunha vintena de lugares do municipio, castigado tamén polas lapas procedentes dos montes de Soutomaior

Aquela vaga de incendios que marcou o sur da Galiza calcinou parte das instalacións do IES Ponte Caldelas. "Cando no momento empezaron a circular as fotos por Whatsapp ben pensamos que ía arder todo, porque estaba rodeado de eucaliptos abandonados", lembra Isabel Torres, profesora de Tecnoloxía do IES Ponte Caldelas e coordinadora do proxecto Monte Vivo.

O terreo arrasado entón polo lume, "inzado de pirófitas sen limpar", pertence á comunidade de montes de Cuñas, na actualidade, parte activa do proxecto Monte Vivo xunto á comunidade escolar do instituto de secundaria. "Nese momento dixemos: hai que facer algo. E no momento en que reaccionamos apareceron as profesoras e profesores do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán, que viñan á procura dun campo de traballo para a recuperación do monte despois dos incendios".

Xestión do territorio

Desde ese momento docentes e alumnado comezaron a colaborar xunto á comunidade de montes veciñais e a entidade ecoloxista local A Rente do Chan, sempre baixo a supervisión de responsábeis da escola de capataces forestais de Lourizán. "Cada ano formamos equipos co alumnado que van ao monte en dúas ocasións a plantar, conservar e a cortar as pirófitas que aínda quedan".

O primeiro ano sementaron trevo e centeo para que a chuvia non arrastrase as cinzas. Plantaron os primeiros exemplares de árbores autóctonas nunha hectárea de terreo. Hoxe contan perto de 2.000 en máis de catro hectáreas que confían en seguir ampliando con carballos, érbedos, bidueiros, sobreiras, loureiros.

Acción pedagóxica 

O proxecto Monte Vivo é herdeiro dunha acción pedagóxica que goza de longo percorrido no IES Ponte Caldelas, impulsada por profesorado que xa non está no centro, moi ligada ao coñecemento da 'Terra' e dos 'Ríos', dúas iniciativas que perduran a carón desta nova e de investigacións puntuais sobre o volframio e a memoria histórica na contorna. "Moito do traballo que facemos desenvólvese na aula, desde cada materia: en Bioloxía analizan a biodiversidade e en Tecnoloxía xestionan o territorio co visor da Xunta. A rapazada localiza os seus predios, mídeos e ve a que están dedicados, de forma que tamén crean conciencia nas casa familiar sobre custodia do territorio", explica Torres.

Tras recibir o Premio Innovagal, para o ano Monte Vivo dispón de 10.000 euros extra que conta investir na contorna, sempre co asesoramento de capataces forestais, gardarríos do Verdugo e dous novos aliados: a ANPA do instituto e o Concello de Ponte Caldelas.