Acervo simbólico

O monte que vence fronteiras

Subida ao Pico Sacro [Imaxe: Xan Muras]

Como cada sábado previo ao Día da Patria Galega, a Federación Galiza Cultura, a Asociación Cultural O Galo, de Compostela, e a Asociación Cultural Vagalumes, da Estrada, organizan o ascenso ao Pico Sacro. Reproducen o percorrido de Castelao até o cumio en 1924 e ao que simbolicamente volveu, anos despois, cando escribía Alba de Gloria. O xornalista e escritor Manuel Gago descúbrenos o imaxinario que rodea o pico situado en Boqueixón.

O camiño de Galicia cara á modernidade social e política sempre foi a construción dun espazo común, de lugares referenciais que encarreirasen as arelas de futuro e empoderasen unha sociedade dispersa. Estes lugares comúns non son unicamente físicos: deben ser sobre todo imaxinarios, cheos de sentidos e simbolismo. Ás veces contan en si mesmos a propia evolución da memoria da nación. Deles, o Pico Sacro é un dos poucos espazos do país nos que os construtores da Galicia contemporánea tiveron éxito en construír unha referencia que unise xentes moi distintas a través das diferentes liñas vermellas nas que se divide a idea de Galicia.

Para entender isto, cómpre acudir á propia biografía da montaña, á xenealoxía da memoria e como se incardina na cultura tradicional galega.

Velaí imos.

Unha paisaxe simbólica replicada

Galicia é un país moi coherente nas súas paisaxes culturais. Pensen nun software que levásemos nun USB e nunha “placa base”, que podería ser o territorio de calquera parroquia galega. Se instalásemos o software sobre o territorio, cargando de sentidos, funcións simbólicas e memorias a ondulante e vizosa orografía, obteriamos resultados similares por todo o país. Un ou dous castros con historias de mouros, un camiño milenario entre mámoas polo alto dos montes, as ruínas dun antigo eremitorio medieval no cavorco dun río, unha ou varias encrucilladas con ritos de curación, por suposto unha ermida cunha fonte santa. E, solapándose con algún dos elementos anteriores, unha vella montaña sagrada.

É esta coherencia clave para comprendérmonos. Un amigo preguntábame onde estaba a nosa árbore de Gernika, é dicir, o noso símbolo común. Decateime de que nós carecemos dunha árbore de Gernika porque, en realidade, temos miles. Antigas carballeiras sagradas que son os lugares de agregación das comunidades locais, a maior parte delas coidadas con mimo, aínda que nos encante negarnos publicamente estas virtudes. A marabilla e o drama (as dúas cousas ben xuntas) da identidade política galega é que estas identidades simbólicas, que teñen moito de político pero nun sentido das comunidades campesiñas, non dan conseguido cambiar de escala e pasar a un ámbito nacional.

Que aconteceu co Pico Sacro? Pois que moito do acervo simbólico do monte procede dese antigo mundo pero vai moito máis alá. O Pico Sacro é como unha boneca rusa. Por unha banda, aínda hoxe podemos recoller nas aldeas da contorna ese substrato simbólico tradicional, cos seus mouros, o seu túnel para levar os cabalos beber ao río Ulla e esa raíña Lupa que a moral católica mudou nestas terras a unha “muller pública”.

Cando nos distanciamos un pouco do monte, amósasenos outra interesantísima capa simbólica, tamén de raíz popular: a que conta unha historia a través dos fitos na paisaxe. O Pico Sacro é un dos tres “montes irmáns”. Sempre é a mesma historia: esa tríade de santos ou santas tan unidos polo sangue como discrepantes entre eles. Cadaquén decide facer a súa vida pero sen renunciar a sabérense os uns dos outros. Por iso son montes que se ven entre si, como fronteiras dun antigo territorio histórico. E velaí que na zona de Trasdeza son picos “irmáns” o Pico Sacro, o San Sebastián do Xestoso, que non por casualidade ten ao carón a Lagoa Sacra. En canto ao terceiro irmán teño atopado discrepancias: ás veces está no Candán, outras en San Mamede do Castro (Silleda).

[Podes ler a información íntegra no número 355 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]