O monte galego, unha herdanza de caos e involución

Imaxe: Xan Muras

Ningunha política é froito do azar, algunhas veces é simplemente resultado da pura incompetencia, pero en xeral as decisións das administracións responden a unha estratexia ben definida. E hoxe, os gobernos neoliberais —e o de Feijóo non é unha excepción— teñen claro varias cousas: 1) a diversidade é un pecado, 2) o lucro económico particular está por encima do benestar social da colectividade, 3) o “natural” é que os negocios e a propiedade se concentren nunhas poucas persoas ou empresas, 4) a Natureza é un gran negocio, e 5) os servizos públicos deben privatizarse para “mellorar a súa eficacia”. Por se alguén ten algunha dúbida sobre a vixencia destes criterios baste con lembrar a modificación do artigo 135 da CE, e o sucedido nesta última década, para confirmar cales son as prioridades do capitalismo financeiro. Por iso, se queremos comprender o que ocorre no campo do desenvolvemento económico deberemos analizar como se aplican eses cinco grandes principios neoliberais. E se nos cinguimos á situación do monte galego a política forestal pódese utilizar como paradigma dese modelo en moitos aspectos.

Eucalipto versus biodiversidade

En 2018 presentouse o documento da primeira revisión do Plan Forestal de Galicia (RPFG). Cabía esperar que se tivesen en conta a evidente dexeneración silvícola dunha gran parte da zona litoral do país e a expansión incontrolada do eucalipto, consecuencia do ciclo de retroalimentación lume/masas monoespecíficas de alta combustibilidade. Sobre todo, despois de constatar que o desvío da superficie ocupada por esta especie é case un 100% superior ao inicialmente previsto, abarcando coa súa expansión as catro provincias galegas. Porén, os autores da revisión sorprendéronos cunha proposta de ampliación de 25.000 hectáreas máis de eucalipto nitens para os próximos 20 anos. Con esta ocorrencia, a RPFG quedou moi tocada na súa credibilidade deixando de ser un documento válido. A traca final veu cando a Xunta renunciou á eliminación desa especie en cincuenta mil hectáreas de masas mixtas de pinaster e carballo, contradicindo a suxestión inicial dos seus redactores. Unha mala noticia para o futuro do noso monte e a promoción efectiva da biodiversidade, contravindo todas as normas sobre este particular da propia Xunta de Galicia e dos organismos internacionais de protección ambiental, invalidando na práctica a loita de prevención contra o lume.

Ataque ao desenvolvemento multifuncional

Algo que caracteriza á dereita é o seu mal perder, pero tamén a súa falta de xenerosidade e altura de miras cando gaña, onde sobrancea o revanchismo. Unha das actuacións máis significativas acometidas polo Goberno Galego en 2007 foi a creación da primeira lei de prevención de incendios. Na preparación desa lei pensamos que a estratexia de defensa do monte non podía recaer principalmente na extinción. Por iso, establecéronse as Unidades de Xestión Forestal (UXFOR) co obxectivo de organizar a propiedade minifundista en unidades rendíbeis. Tratábase de que a través dun plan de ordenación se puidese acometer a explotación multifuncional do monte. Un modelo pensado para que a vontade maioritaria dos propietarios permitise levar adiante os seus proxectos de desenvolvemento co apoio inicial do Goberno Galego. As UXFOR estaban chamadas a seren un modelo de éxito; só en oito meses puxéronse en práctica 35 proxectos viábeis abranguendo máis de catro mil hectáreas e a dous mil cincocentos propietarios. A ninguén cun mínimo de responsabilidade e sentido común se lle ocorrería botar abaixo esa iniciativa sen ter ningunha alternativa mellor. Porén, o PP fíxoo, e en 2010 derrogou as UXFOR, retiroulle as axudas aos seus promotores e implantou unha nova fórmula de tipo máis individualista, as SOFOR, que en dez anos apenas facilitou a constitución de 13 sociedades con arredor de dúas mil hectáreas e cincocentos socios. Na práctica, o goberno de Feijóo dedicou o seu esforzo a desmontar gran parte do realizado pola consellaría nacionalista, como a eliminación do servizo de valorización do monte e os plans forestais de distrito, entre outras moitas medidas arbitrarias, e sen ofrecer alternativas. O abandono do monte queda ben retratado coa drástica redución dos investimentos propios da Xunta e as axudas a entidades en case un 30% respecto de 2009. Se un goberno fai este tipo de política non é por desidia ou descoñecemento; simplemente, o modelo de Feijóo consiste en transformar o monte galego nun caos onde os máis poderosos poidan impoñer os seus designios.

Abandono da biomasa residual

Galiza é o país do sur de Europa no que máis medra anualmente a biomasa de forma natural. En calquera circunstancia, e máis nas actuais condicións de abandono agrario, o manexo adecuado do material residual procedente das cortas, rareos, podas e clareos, ademais das devasas de matogueira das zonas de protección dos núcleos rurais, debería ser un obxectivo prioritario da Consellería de Medio Rural. Por iso se puxo en marcha en 2007 o Plan de Aproveitamento da Biomasa Forestal Residual (PABFR) onde se definían sete grandes zonas co obxectivo de valorizar os residuos, promover o emprego rural, ademais de instituír a xestión de biomasa como un sistema complementario da prevención de incendios. Non fai falta dicir que ao goberno do PP faltoulle tempo para botar abaixo o PABFR ao tempo que se desentendía das labores de silvicultura preventiva, incumprindo as medidas mínimas contempladas na Lei de Incendios. Hoxe o caos agro-forestal esténdese por todo o país, especialmente pola Galiza interior.

Retroceso da política contra incendios

A nova política forestal iniciada en 2005 por Suárez Canal á fronte da  Consellería de Medio Rural necesitaba, de forma complementaria, afrontar o grave problema dos incendios. Aquel sistema arrastraba unha media de 30.000 hectáreas queimadas e 10.000 lumes anuais. Ao final da lexislatura 2005-2009, a pesar da vaga de lumes de 2006, o equipo da Dirección Xeral de Montes logrou reducir os lumes nun 75% e a superficie queimada nun 82% respecto da serie histórica. Pero o éxito daquel modelo é que logrou demostrar que a loita contra o lume era posíbel gañala combinando unha política forestal en sintonía cos intereses do medio rural e un dispositivo contra incendios (SPIF) baseado na prevención, na profesionalidade do servizo e na participación veciñal. Logrouse un punto de inflexión duradeiro, máis alá do goberno BNG-PSOE, pero no momento en que á Xunta de Feijóo se lle ocorreu modificar algúns parámetros básicos do SPIF todo volveu entrar en crise. A vaga de lumes de 2017 foi un aviso de que algo se estaba facendo mal. Daquela arderon unha media de 24.500 hectáreas por día fronte ás menos de 8.000 da vaga de 2006. Seguindo o modelo anti-medio rural aplicado na política forestal o goberno do Partido Popular recuperou as brigadas municipais, eliminou as agrupacións veciñais de vixilancia, cargouse parte dos convenios municipais, abandonou o diálogo coas asociacións sectoriais e as comunidades de montes, e descoidou a mellora tecnolóxica e os medios aéreos de carga en terra. Agora, e cunha enorme tardanza, está intentando rectificar algúns deses erros, pero non acredito na vontade política de recuperar o modelo que funcionaba de forma razoábel en 2009. A gravidade do caos forestal galego vese enormemente agravado polo cambio climático e a intensidade dos fenómenos meteorolóxicos adversos. Sen cambios drásticos na política forestal encamiñados a fomentar a multifuncionalidade, as especies autóctonas de calidade e o confinamento do eucalipto, xunto a un dispositivo eficaz na detección e no primeiro ataque, as cousas só poden ir a peor. Salvo que en abril veña un goberno diferente.