O monte común galego exixe protección cunha marcha en Compostela

A marcha de comuneiras e comuneiros rematou na praza da Quintana de Compostela (Foto: Nós Diario).

Unha marcha con centos de persoas percorreu Compostela para demandar unha lei de montes veciñais “ao servizo da veciñanza comuneira e da sociedade galega”.

Centos de persoas convocadas pola Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (Orgaccmm), viaxaron até Compostela este sábado para “defender unha lei de montes veciñais ao servizo da veciñanza comuneira e da sociedade galega”.

A marcha partiu da estación de tren e rematou na praza da Quintana na capital galega e estivo acompañada pola choiva. O presidente da Orgaccmm, Xosé Alfredo Pereira, explica a Nós Diario que a protesta é “de toda a veciñanza comuneira” e non deixarán de exixir que a cuestión “se debata no Parlamento galego”.

Queren evitar “o que pretende a Consellaría, que os montes rematen por ser privados”. Nese sentido, Pereira denuncia que este departamento da Xunta está a elaborar un Libro Branco sobre os montes veciñais de onde sairía o texto para o proxecto da lei de montes veciñais.

Demandan un debate no Parlamento

O presidente da Orgaccmm lembrou a entrega en agosto no rexistro do Parlamento da Galiza de máis de 12.000 firmas que avalan unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para protexer os montes veciñais como figura diferenciada evitando a súa "privatización".

O proxecto de lei de montes veciñais que figura na ILP, afirma que “ademais de parar o roubo dos montes veciñais, é unha lei ao servizo da veciñanza comuneira e da sociedade galega”.

Na ILP exixen o recoñocemento do monte veciñal como “unha titularidade mais, distinta e en pé de igualdade coas titularidades públicas e privadas” ademais de que se reforce “o carácter xermánico dos montes veciñais en man común”.

Demandan que se considere “á veciñanza como único requisito para ser titular destas terras comunitaria” para impedir “todo tipo de expropiación dos montes veciñais”.

No documento entregado cos apoios sinalan que se debe considerar como aproveitamentos e usos dos montes veciñais “todos os que se dean nos mesmos” e lembran que a “capacidade de decisión da veciñanza comuneira para pór en valor as súas terras comunitarias”.

Por último exixen que se declaren “nulos de pleno dereito de todos os actos de ocupación e usurpación, así como das súas posteriores transmisión ,que se fixeran de xeito ilegal” ademais de declarar os montes veciñais en común “como figuras de protección ambiental e cultural en si mesmos”.