Monforte sae á rúa para frear a reforma da Lei de Saúde 

(Imaxe: @paulaverao)

Miles de persoas concentráronse na localidade para fronte o desmantelamento da área sanitaria sur de Lugo. Unha nova comarca afectada mostra de forma masiva a súa oposición ao anteproxecto do PP.


Monforte de Lemos foi este domingo o escenario dunha nova protesta masiva fronte a modificación da Lei de Saúde que prepara o Goberno galego. Centos de persoas - máis de 3.000 segundo a Policía Local- concentráronse na localidade, convocadas pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública (Pladesapu) e da Xunta de persoal do Hospital Comarcal de Monforte, para frear o desmantelamento da área sanitaria sur de Lugo.

 

Unha nova mobilización popular multitudinaria, despois das acontecidas nos días previos en Vilagarcía, O Barco de Valdeorras e Burela. A reforma que prepara o PP reduce de once a sete o número de áreas sanitarias, unha cuestión que desde cualifican como un paso máis na privatización e centralización do servizo sanitario, desmantelando os hospitais comarcais para concentrar a asistencia nos grandes hospitais, con lemas como “O noso hospital non é unha sucursal” ou “Non á xestión provincial”.

A modificación da Lei de Saúde conta coa oposición unánime do sector sanitario, das forzas sindicais e da oposición política.


A portavoz da Pladesapu, Paqui Vázquez, denunciou que o anteproxecto organiza a sanidade en función dos recursos de cada lugar sen atender as necesidades da poboación, que pagará o prezo da reforma. “Queremos médicos propios no Hospital Comarcal de Monforte, non nos vale que veñan doutras áreas”, asegurou en declaracións recollidas pola axencia Europa Press.

 

A modificación da Lei de Saúde conta coa oposición unánime do sector sanitario, das forzas sindicais e da oposición política, así como dun amplo respaldo social. Na manifestación estiveron presentes os portavoces de En Marea, Luís Villares, e do BNG, Ana Pontón.