Moncho Valcarce volve camiñar polas Encrobas

Acto en Pontoxo nesta II Marcha. Imaxe: @nadjanf

A II Marcha pola Memoria percorre lugares emblemáticas daquela loita iniciada en 1977 nesta parroquia contra a expropiación de terras por Fenosa para a construción da mina de lignitos.

Nas Encrobas, no lugar de Pontoxo no que está a igrexa e o busto en lembranza de Moncho Valcárce tivo inicio este sábado a II Marcha pola Memoria, que coincide co 25 cabodano do coñecido para sempre como ‘cura das Encrobas’. Unha marcha que, da man da propia veciñanza, volve lembrar e reivindicar a figura deste crego, nacionalista, de esquerdas, comprometido co seu tempo.

 

Organizada por veciñanza das Encrobas, a Irmandade Moncho Valcarce e o Concello de Cerceda, a marcha percorre lugares emblemáticos da loita que en 1977 se iniciou nesta parroquia contra a ex expropiación de terras por Fenosa para a construción da mina de lignitos.

Música, poesía, intervencións de vecinos e veciñas sucéndense ao longo de toda a marcha, que toma o relevo da feita no ano anterior e na que tomaron parte máis de 300 persoas.

 

Moncho Valcárcel iniciouse na militancia nacionalista na AN-PG, sendo candidato ao senado nas eleccións do 1977 polo BN-PG, formación pola que sería concelleiro en Culleredo, na segunda corporación xa como membro do BNG. Desenvolveu un amplo e intenso labor no sindicalismo nacionalista desde as Comisións Labregas.

 

A súa personalidade solidaria e revolucionaria fixo que fora un dos protagonistas, á carón da veciñanza no conflito das Encrobas, cando a empresa Lignitos de Meirama quixo arrebatar as terras ás labregas e labregos aproveitando un decreto asinado por Franco. Moncho Valcárce levaría xa para a historia o nome de crego das Encrobas, a parroquia na que foi detido en 1977 por defender os dereitos dos que traballan a terra.